Após oito anos desde que se licitou por primeira vez a redacción do proxecto, Carme da Silva urxe o Goberno a iniciar canto antes as actuacións desta infraestrutura básica
A senadora do BNG demanda axilizar a tramitación e rematar co proxecto: “resulta xa esgotador o constante retraso na execución das obras”
Madrid, 23 de xaneiro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego exixe ao Goberno do Estado iniciar canto antes as actuacións para a mellora da EDAR de San Cibrao das Viñas e o proxecto de finalización do saneamento do río Barbaña. A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistra iniciativas para facer presión ao executivo co obxectivo de que dea toda a información e concrete o horizonte temporal para a execución do proxecto, axilizando a tramitación desta infraestrutura básica e cumprindo con Ourense despois de que se cumpran oito anos desde que se licitou a redacción do proxecto.
“Axilizar a tramitación desta infraestrutura básica para o saneamento de Ourense e para cumprir coa normativa comunitaria sobre a calidade das augas: iso é o que estamos a pedir ao Goberno desde o BNG despois de anos de espera, demoras e modificacións” subliña a senadora nacionalista. Carme da Silva lembra que o executivo ten pendente de cumprir un compromiso con Ourense desde hai oito anos como é executar o “proxecto de finalización do saneamento do río Barbaña, mellora da EDAR de San Cibrao das Viñas. Fase II”.
De forma recorrente, e en aras de fiscalizar e facer seguimento de proxectos e infraestruturas estratéxicas, básicas e de fundamental importancia para Ourense, o BNG rexistrou diversas iniciativas para coñecer como evolucionaba. De facto, na última resposta do Goberno ao BNG, de outubro de 2024, o executivo sinalaba que o proxecto foi “actualizado” e que se atopaba “redactado”. Engadía que estaba en tramitación a súa aprobación técnica e explicaba os cambios producidos no proxecto.
Mais, o pasado 14 de xaneiro o MITECO publicou no BOE o anuncio da Confederación Hidrográfica Miño-Sil polo que se somete a información pública este proxecto sinalando que “as indicacións trasladadas polas administracións mencionadas implican a ampliación das superficies afectas debido á modificacións de trazado e execución de perforación horizontais dirixidas a que minimicen a afección as súas infraestruturas”.
“Isto evidencia que se demorou tanto a súa tramitación desde o inicio da redacción que tivo que ser actualizado e sometelo de novo a información pública durante un período de 20 días. Resulta xa esgotador o constante retraso na execución das obras e a falta de vontade por parte do Goberno do Estado de cumprir con Ourense” lamenta a senadora do BNG. Preocupa a Carme da Silva que os constantes retrasos na tramitación de dito proxecto afecten á percepción de fondos europeos por non cumprir cos prazos estipulados. “Calcúlase que se chegaron a perder en torno a 15 millóns de euros de fondos FEDER por incumprir o calendario para a súa percepción” denuncia.