Este domingo, 26 de xaneiro, plataformas e colectivos ecoloxistas da provincia de Ourense, no marco das mobilizacións da Coordinadora Eólica Así Non, chaman á resistencia contra a invasión eólica dos nosos montes cunha concentración ás 12,30 horas na feira (alameda) de Cartelle. Durante a concentración denunciaranse a ameaza que pende sobre os concellos de Cartelle (comarca da Terra de Celanova) e Castrelo de Miño (comarca do Ribeiro) co proxecto en tramitación dun macropolígono híbrido -eólica máis fotovoltaica- que supera os 50 Mw de potencia a instalar e se presenta ao procedemento fragmentado de maneira fraudulenta para evitar a avaliación por parte do ministerio.
Ademais, porase en valor as loitas fronte outras ameazas eólicas que axudaron a parar o ano pasado varios macropolígonos eólicos no Macizo e infraestruturas de alta tensión con graves impactos para as veciñas na Serra da Martiñá, e insistirase na denuncia doutro macropoxecto en trámite como o denominado Clúster da Limia, que proxecta megaeólicos nas montañas entre Castrelo do Val e Xinzo de Limia e unha LAT que transcorrería por 18 concellos cruzando de este a oeste (de Castrelo do Val a Castrelo do Miño) o sur da provincia.
A concentración en Cartelle está apoiada e colaboran na organización as seguintes organizacións e entidades: Aira das Bestas, Afiando o vento, Amigas das Árbores de Ourense, Amigas das Cegoñas, Amigas da Terra, Asociación cultural e medioambiental Tarabelada, Asociación Cultural Follas Vivas Lois Antón de Ramirás, C.S. A Alvariça de Allariz, Ecologistas em ação Galego-Trasmontano, Movemento Ecoloxista da Limia, Plataforma comarcas Limia – Verín Non ás Minas, Salvemos A Serra Martiñá, Salvemos o Támega ADEGA Monterrei e Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova.
O mesmo domingo celebrarase tamén unha andaina previa á concentración na que se subirá desde o núcleo de Calvelos (Cartelle) até a antena de medición instalada pola promotora do megapolígono (7 eólicos de 220 metros de altura) no monte veciño. O punto de encontro será a aldea de Calvelos, ás 9:45 horas, para saír ás 10 en punto. O percorrido ten unha distancia aproximada de 4 quilómetros e dúas horas de duración. Despois, os participantes disporán de tempo suficiente para incorporarse á concentración, que comeza ás 12:30 na localidade de Cartelle, a menos de 10 minutos en coche de Calvelos.
Despois da decisión da Coordinadora Eólica Así Non de adiar a convocatoria habitual en decembro polo Día das Montañas (para non se solapar coa manifestación contra Altri), o manifesto da convocatoria -no Día Mundial da Educación Ambiental- incidirá nunha cuestión que xurdiu esta mesma semana, tralo anuncio da Xunta de elaborar un novo plan eólico excluíndo ás organizacións ecoloxistas e colectivos de afectadas dos traballos no que semella un intento consolidar os privilexios das promotoras. Incidirase ademais na necesidade dunha moratoria eólica mentres se actualiza o plan e de escoitar propostas alternativas ao actual modelo enerxético. Este domingo celebraranse ademais concentracións en Bembibre (Val do Dubra), en Mazaricos, en Ortigueira, en Marín, en Pontevedra (capital), en Campo Lameiro, en Sarria e en Lugo (capital).