Ribeiro en Común solicita o reforzo do servizo de limpeza viaria de Ribadavia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribeiro en Común de Ribadavia vén de solicitar do Concello que nos orzamentos de 2025 se amplíe a partida económica para mellorar e reforzar o servizo de limpeza viaria, tal e como se contempla nunha moción que presentou este grupo e foi aprobada pola Corporación. Subliñan que “mentres o goberno continúa instalado nas fotos e nos oropeles, a realidade de Ribadavia e do municipio é moi diferente. Todos os problemas que Ribadavia tiña no comezo da lexislatura continúan ou foron a pior, este é o caso da limpeza viaria e do mantemento dos espazos públicos do noso municipio”.

Ribeiro en Común considera que o Concello debe reforzar o servizo de limpeza viaria, xa que conta con poucos traballadores e traballadoras, e solicita que “nos orzamentos 2025 se amplíe a partida para mellorar e reforzar este servizo, aumentando a partida para máis persoal de limpeza, xa que hai capacidade financeira, tal e como se víu en 2024, cando este goberno decidiu aumentar amplamente todas as partidas de festas”.

Asimesmo, este grupo da oposición na Corporación ribadaviense entende que “a necesidade de limpeza viaria leva incrementándose desde hai anos nas tempadas estivais, sen embargo, nin na RPT nin nos orzamentos de 2024 se plasmou esa necesidade de crear novos postos de traballo”. E lembran que “a necesidade de extender o servizo a tódalas localidades do municipio era unha das promesas de campaña do PP, sen embargo, o actual goberno municipal non só non a cumpríu senón que o servizo empeorou”. Dende Ribeiro en Común consideran que “a razón é que o goberno está organizando pior cá nunca os recursos existentes, e non é capaz de reforzar o servizo nin de cubrir as vacacións nin días libres, sobre todo naquelas épocas nas que máis xente recibe Ribadavia, como acabamos de ver nestas semanas de Nadal”.

Lembran, asemade, que “a labor dos traballadores municipais é moi boa, coma sempre, pero as necesidades do servizo aumentaron. No último Pleno, a finais de decembro, Ribeiro en Común xa advertía desta situación. Neste sentido, saíu aprobada a nosa moción para que o Concello amplíe o servizo de limpeza viaria na Vila e en todas as demais localidades do municipio”. Por outra banda, demandan que se sancione a quen faga un mal uso das mascotas e dos colectores de lixo, xa que esta é unha das principais peticións veciñais ao Concello.