O 28 de xaneiro presentación do libro “Mocidade de Pepa Loba” do autor Aurelio Miras Azor. Terá lugar no Hostal dos Reis Católicos en Santiago

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Sobre “Pepa Loba” Emilia Pardo Bazán e Ramón María del Valle-Inclán, entre outras personalidades da literatura galega do século XIX, déronlle vida a un bandolerismo en Galicia imitado do bandolerismo andaluz, pero sen a realidade sociolóxica galega. É probable que a lectura popular desa literatura crease as lendas que desde finais do século XIX percorren toda Galicia coas aventuras extraordinarias da ladroa Pepa a Loba.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

En 1968 Aurelio Miras Azor escribiu a novela “Juventud de Pepa Loba”; ou como a sociedade creou unha delincuente. Grazas ao exercicio da súa profesión como avogado por terras galegas (A Estrada, Rodeiro, Lalín, Bandeira) tivo acceso a moita información que lle axudou a escribir o seu libro.3​

A súa repercusión prolóngase ata a música, da man do grupo galego Heredeiros dá Crus, que titularon o seu primeiro álbum en 1994, A cuadrilla de Pepa a Loba. Inspirado en Pepa a Loba nace en 2017 o grupo A banda dá loba, integrado por cinco mulleres que reivindican o papel da muller loitadora como foi a mítica bandoleira e a quen dedica a canción Pepa na que se conta a súa historia.4​

Fonte: https://es.wikipedia.org/wiki/Pepa_a_Loba

Este próximo martes ( 28 de xaneiro ) terá lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela a presentación do libro “Mocidade de Pepa Loba” editado por Teófilo Edicións, que é a tradución ao galego do libro de Don Aurelio Miras Azor “Juventud de Pepa Loba”.

A novela ten Oxe en día vixencía plena. A temática da moza, e a inxusticia social, a sua loita , son Oxe en día motivo de moitos estudos.

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego publicou en Badalnovas 45 artigos sobre dona Emilia Pardo Bazán co titulo xénerico “Polo Avieiro de dona Emilia (-)

Reproducimos os artigos 41 e 42 xa que teñen relacion con don Aurelio Miras Azor

Polo Avieiro de dona Emilia (41): A Loba de don Aurelio publicado o 8 de maio de 2021


Vermú, xenebra, espumante, licores varios, viño, cervexa…, todo baixo o rótulo de Pepa A Loba. Bares, pubs, cafeterías, restaurantes, taparías… recórdana nos seus letreiros. Editoriais e latas de conserva, camisolas con diversa iconografía dunha muller forte, baril, fermosa; bufandas celtistas ondeando co seu nome inscrito; os Herdeiros víranse Cuadrilla de Pepa A Loba e cinco rapazas enchen salas de concertos convocando a súa Banda.

Os Herdeiros mudados en cuadrilla

Festa no Carballiño e asalto ao Pazo da Cruz na Paradanta. Os países vivos constrúen mitos, inventan a tradición, aquela que non se esvaece con mudanzas costumistas senón a que permanece ancorada no pasado, forxando a continuidade.

A Banda da Loba

            As historias da capitá de bandidos pasan de boca en boca, de lugar en lugar, esténdense polo país, que as fai súas, en cada bisbarra xorde un dito, abrolla unha historia e chántase unha casa na que viviu a Loba. A “experiencia vivida” convértese en “experiencia  transmitida” a través do relato oral; cando este semella esgotarse xorden as formas literarias para reinventar a tradición, como fixeron Antonio Rey Soto, en 1918, e Aurelio Miras, cincuenta anos despois[1].

Capa do libro de Rey Soto

A poñer negro sobre branco axudaron investigacións, difusións[2] e recreacións literarias[3] que mantiveron viva a personaxe da valente, fermosa e decida bandoleira, para entregarllo ás mozas actuais que non só reivindican, senón que exercen a igualdade de xéneros e ollan na xefa de gavela un símbolo contemporáneo da tradición estampado como afirmación nunha camisola.

            Unha primeira cuestión a dilucidar sería a da existencia ou non da famosa bandoleira. Asunto menor para a tradición. A ninguén dos que durante séculos peregrinaron a Compostela lles causa desengano a “inventio” politico-militar de Afonso II. Mesmo, para o fenómeno xacobeo, sería indiferente que a arqueoloxía demostrase que o herexe Prisciliano está alí soterrado no canto do apóstolo Santiago. Os peregrinos seguirían chegado, poderán deixar de facelo por moitas outras razóns, pero non pola ausencia de base material na tradición.

            A inexistencia de documentos sobre a Loba non empece a súa existencia, como tampouco a debilita a dispersión das localizacións da súas andanzas. Miras Azor deixoulle ben claro a Carlos G. Reigosa que, nos anos anos que viviu en Lalín, foi  cando recolleu, das voces das xentes do Deza e Trasdeza, as historias de Pepa e Dorinda, aínda que non visitase os lugares aos que facían referencia. Foi en conversas na vila onde tomou as notas. Non hai moita dúbida de que por terras dezás e nas súas lindeiras (O Carballiño, O Ribeiro, Tabeirós) actuou a Loba, cando menos nunha longa etapa da súa vida. As intensas referencias ás fazañas da xefa bandoleira na Chá luguesa, nas terras de Ortegal e noutras zonas do país poden ter explicación diversa. Non hai dubida de que outras mulleres, Chao Espina cita algunhas,  integraran as cuadrillas, aínda que non ostentasen a xefatura das mesmas; que “Pepa A Loba” se convertese nun xenérico, tal como no caso de “Foucellas”, empregado, cando menos na area dezá, para referirse aos guerrilleiros antifranquistas, por mor da popularidade acadada por Benigno Andrade “Foucellas”. É tamén posíbel que nalgún momento a Loba mudase de territorio de acción ou asentamento. En canto ás dificultades para delimitar un espazo temporal, unhas veces sitúanse as súas accións na primeira metade e outras na segunda do século XIX, nada nos debería estrañar nin é argumento para considerar a figura da bandoleira unha pura invención. As confusións temporais nos relatos orais son frecuentes. Na mesma zona dezá escóitanse “historias” do período das carlistadas e da posguerra española, e a confusión entre “fauciosos”, en referencia a facción carlista, e “foucellas”, denominación dos guerrilleiros, é constante.

            Á parte das breves referencia do marqués de Figueroa, da Pardo Bazán e de Concepción Arenal, que seica a visitou no cárcere da Coruña, o primeiro relato extenso sobre a Loba  é o de Antonio Rey Soto[4]. En pouco se parece ao elaborado por Miras, agás no alcuño e na actividade ladroeira da protagonista que, segundo o sacerdote, estendeu a súa fama dende Guitiriz ata a Limia, o Courel  e as ribeiras do Miño. A Loba  aterrorizou e roubou tanto a arrieiros, por máis que xuntasen as súas recuas de mulas e machos para evitar ser salteados, como a reitorais ou pazos e “históricas y acastellanadas mansiones de los mayorazgos de linaje”[5] por moito que puxesen trancas nas portas, pois o seu “maravilloso ejército de espías” a mantiña informada para dar os golpes máis audaces ou burlar os gardas civís máis afoutos.

            As xentes cantaban e contaban as súas fazañas nas noites de invernía; relataban a vida de María Rosa que aos 15 anos ficou orfa da súa pobre nai, Andrea. Andou a traballar no que puido ata que a chamaron para apañar aveas entre as viñas do pazo de Tameirón. Don Pedro Ventura de Somoza y Pérez era o amo. Fillo do señor e unha “montañesa”; o pai recoñeceuno tras casar coa nai, que pasou de chamarse Marica a que lle dixesen Misia Mariquiña. Así puido herdar. Don Pedro, con cincuenta anos, encaprichouse da fermosa rapaza que tan ben cantaba os alalás e un ano despois María Rosa mandaba en Tameirón co mesmo despotismo que sobre os sentimentos de don Pedro. Pasou outro ano e a moza mandarica ficou preñada. Foi tomar os baños a Marín e regresou, catro meses despois, cunha ama de cría e un rapaciño fillo dunha curmá que esta non podía criar. Cada certo tempo María Rosa volvía tomar os baños e regresaba con outro sobriño.

            Os nenos medraban, a beleza de María Rosa murchaba, as trécolas do astuto capataz non amainaban e don Pedro botouse ás corredoiras na procura de carnes duras. Doída, María Rosa comezou a maltratar os fillos e a desatender a casa. As habilidades de Adosinda, a filla do muiñeiro, os desexos deste e mais as trampulladas do “cachican” do capataz, conseguiron que don Pedro a botase da casa. A ela e aos fillos. Enrabiada, María Rosa rexeitou as catro moedas que lle daba o capataz por orde do señorito ao que ameazou con cobrarlle en sangue o que con sangue lle dera.

            Vivía agora, como cando era cativa, nunha cova cos seus famentos fillos. Envelenounos aos poucos con sénica para matar os ratos. Primeiro o máis cativo. Dous anos despois os outros dous. Deixou a Amaro, o maior, ao que lle inxectou odio aos ricos. Un día desapareceron da aldea e comezouse a falar dunha gavela de ladróns. Pouco tempo despois arrasaron o Pazo de Tameirón, levaron os diñeiros, a prata, as roupas… e acoitelaron como porcos a don Pedro, Adosinda e dous nenos de berce. Á capitá da gavela comezaron a chamarlle Loba, pero non volveu matar a ninguén sen necesidade.

            Será a obra de Miras a que fixará o relato sobre a Loba, a comezar polo nome e a substancia da trama. Pepiña era filla da Falucha, muller moi pobre, medoñenta e non moi lista; vivían nunha mísera cova en Moedo. Eran felices ao seu xeito. Pepiña coidaba das ovellas da tía Dorinda, labor no que a axudaba o seu can Lueiro. O lobo espreita, ataca, mata unha ovella, vai por outra, pero a nena enfróntase a el co caxato mentres chama a Lueiro, aquela natureza mítica, protectora dos nenos sen pai, aquel enorme mastín, para que acuda a salvar a nena das fauces lupinas. Cando o lobo xa lle botara os dentes ás costas da rapaza, Lueiro chímpase sobre el e en loita titánica préndeo polo lombo e pártelle a columna. O can leva a nena ata a cova-casa e  lámbelle as feridas durante días ata que foron curando. Dorinda, sempre aproveitada na súa actividade mendicante, pide prestado un burro para que Pepa percorra as aldeas levando o lobo morto en procesión e recolla boas esmolas. Os rapaces acaban alcumándolle Loba e co paso do tempo guindándolle cantazos polo mal cheiro do lobo podrecido.

            Aos trece anos, enferma de febres, ten que observar como o Brután mata a pancadas un mulo e despois viola a súa nai sen poder facer nada polo seu estado de prostración. A Falucha fica preñada. Leva mal o embarazo, atendida pola incapaz e envexosa Dorinda. As veciñas piden axuda  ao albeite Miguel, ex-seminarista, personificación de todas as maldades,matador do seu propio pai, despois fará o mesmo co irmán, posíbel pai de Pepa e causante da súa desgraza. No relato noméano pola profesión. Os latíns do albeite non resultan; o neno nace morto e a Falucha falece.

            Pepa queda a cargo da tía mendicante que lle vai aprender o oficio no que a espelida rapaza destaca deseguido.Cun falso brazo tolleito, obtén moito máis beneficios que a tía. Será a escola da Pepa, entre tortas e tramposas pousadeiras, ficticios leprosos, falsos peregrinos, cegos que ven e a aproveitada Dorinda. Esta decide colocala de criada na casa-tenda do vello Ramón, home abastado e traballador, irmán do albeite, coa argucia dos dicires sobre quen era o proxenitor de Pepa e a esperanza de que as fermosuras da moza lle permitisen a ela asegurarse un futuro. Dorinda sae coa súa. Tío Ramón acolle a rapaza para atender a tenda e os labores da casa. A moza pronto se converte na ledicia do vello que lle colleu tanto cariño que contratou un estudante para que lle ensinase a ler, escribir e os números precisos para levar a tenda cando el faltase, e mesmo fixo de alcaiote procurando xuntar a Pepa con Alberto, como ambos tamén desexaban. Converteuse Ramón no pai real de Pepa e procurou a súa felicidade a través do matrimonio co escolante.

Todos a reclaman

            Mais o odio axexaba. O albeite agoniábase pensando que as riquezas do irmán fosen parar á filla da Falucha e ideando estratexias para o mal: matar o irmán, culpar a Pepa e o escolante e ficar coa tenda e as riquezas. Así aconteceu. Pepa ten sorte, na vez de aforcala condénana a perpetua.

            Don Aurelio subtitulou a súa novela “como la sociedade creó una delincuente”, esa é a súa visión: “No fue sólo el Brután, ni el Albeite, ni el Tribunal; no. Fue la sociedad entera; la sociedad misma, que después sufrió sus ataques, la que fué forjando día a día a la famosa Pepa Loba”. A esa sociedade perversora, vista con anteollos roussonianos, axudou, facéndolle máis dano que o xuíz ou mesmo que o albeite, a súa propia tía, estragándolle a imaxe da súa tenra nai, contándolle, na cadea e como vinganza pola frustración dos seus plans de aproveitada, a concepción de Pepa durante unha borracheira da tolitates da nai, nunha violación múltiple na feira de Padrón.

Algúns deseños

            No cárcere Pepa planea a vinganza. Foxe disfrazada de cura. Acode a casa da tía para recuperar a Lueiro e saber que o escolante marchara a América pero que nunca alá chegará por se afundir o barco. Co enfrontamento final e a morte do albeite, o seu bautismo de sangue, remata a súa xuventude e a novela de Miras da que a de Reigosa será, en certo xeito, continuidade, desenvolvendo a figura da Pepa bandoleira pero rememorando aconteceres e personaxes da etapa xuvenil.

            Seguro que don Aurelio estaría ben ledo de saber do seu importante papel na transmisión da tradición inventada de Pepa a Loba, ata converterse nun símbolo máis da identidade galega e nun día de festa no Carballiño.



Polo Avieiro de dona Emilia (42): O meu don Aurelio publicado o 15 de maio de 2021

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


Esta permanente gabanza do “xuvenil” na que se desenvolven os costumes sociais de hogano téñenme sorprendido en máis dunha ocasión. Ocorre que, ás veces, nalgún lugar de tapas, mesmo nalgún restaurante, o grácil mozo ou moza que atende, cheo de dinamismo e profesionalidade que non hai moitos anos nin se sospeitaba,  éntrache cun “chicos, que vai ser?”. Un que xa non se ve “chico” dubida entre dicir algo ou pedir un Ribeiro; optando, como é lóxico, por esta segunda opción, ao tempo que se che debuxa un medio sorriso de papaleisón.

            Cando eramos rapazolos, pola contra, era conveniente medir as formas no tratamento, se non querías ter un desgusto ou, cando menos, levar unha berregada. Había a quen indefectibelmente cumpría aplicarlle o “don” ou “dona”; eran os ricos, poderosos, políticos, médicos, avogados, farmacéuticos, xerarcas do partido único, mestres, directores bancarios e similares, coas súas correspondentes esposas; mulleres con eses cargos non existían (agás algunhas mestras), nin se vían nin se supuñan. Algún outro conseguira elevarse á categoría de “don” polo temor que infundían nos seus arrabaldes sociais.

            Despois viñan os “señores” e señoras”. Persoas que, estando nunha escala máis baixa, aqueláballes por gañaren o respecto social. En xeral, o “señorío” derivaba dun oficio ben exercido: a tendeira ou a panadeira, o albanel e o canteiro, os escribáns de distintos tipos de oficinas etc. De xeito xenérico, había que dirixirse así ás persoas de máis idade.

            Logo viñan os atuados, sinónimo de igualdade social, e finalmente os “motes”, como lle diciamos nós, que noutros sitios dinlle alcumes, alcuños, chatas, etc… Entre estes últimos había dous grandes tipos, aqueles que se podían dicir en presenza do alcumado e os que, polo seu carácter ofensivo, ou consideración como tal por parte de amentado, había que pronunciar con reserva.

            Caso á parte era o das persoas que infundían respecto, mesmo admiración, e parece que o tratamento de “don” era inseparábel da propia persoa. Este é o caso, para min, de don Aurelio Miras. Non se me ocorrería pensar que alguén lle chamase Aurelio ou mesmo señor Aurelio ou simplemente Miras, aínda que deste xeito si que o escoitaba.

            O caso é que don Aurelio Miras Azor foi o meu profesor de Historia no Corral, así se coñecía un colexio, denominado co imperial nome de “Isabel la Católica”, que rexentaban don Juan Corral e a súa esposa dona Matilde. Que recorde só foi un ano, pero ao mellor foron dous, pois en 3º e 4º curso de bacharelato elemental impartíase a materia de Historia de España e Universal. Logo estudei fóra do Carballiño. Non sei se don Aurelio tivo algunha influencia misteriosa en que máis dunha década despois eu rematase sendo profesor de Historia, aínda que os meus estudos, en principio, non estivesen orientados cara a esa materia e fose a práctica docente a que me levou á dedicación case exclusiva a ela.

            Poucos recordos nidios podo ter de hai máis de cincuenta anos. Pero conservo dúas anécdotas de don Aurelio que me quedaron gravadas. A primeira, porque me converteu en protagonista cando un estaba acostumado  a procurar pasar desapercibido, seguindo o preventivo consello de é mellor que non te vexan moito! Un día, supoño, chamoume a dar a lección, decatouse deseguida de que prendía no “erre”. Explicoume que era conveniente corrixilo, para o cal precisaba realizar certos exercicios. A partir daquel día, na súa clase, poñeríame de pé, na esquina do estrado, metería unha “rubia” na boca, así se lle chamaba á moeda dunha peseta, mentres pronunciaba “erres” a fin de emendar a miña chata. Todos me miraron como un suxeito raro e ríanse cada vez que procuraba zafarme e don Aurelio reclamaba a miña presenza no recanto para emitir “erres” en bucle.

            Supoño que un día o mesmo don Aurelio caeu na conta de que a representación no córner do estrado era un pouco excesiva. Daquela acordou liberarme da exhibición diaria e pedirme que, cando menos unha vez ao día, repetise un trabalinguas que tiña que aprender de memoria. Así foi e así fixen durante un tempo. Aquela encerellada, propia da terra orixinaria de don Aurelio, dicía: “Guerra tenía una parra/ y Parra tenía una perra y la perra de Parra/ rompió  la parra de Guerra/ : Entonces  Guerra  con una porra pegó / a la perra de Parra./ Oiga , compadre Guerra:/ ¿Por qué ha pegado/ con la porra a la perra de Parra?/ Porque la perra de Parra rompió la parra de Guerra. Si la perra de Parra/ no hubiera roto/ la parra de Guerra/ entonces Guerra con una porra no hubiera pegado a la perra de Parra.”

            Non sei se o consello foi efectivo, pero hai anos que ninguén me acena cun cómo?, cando pronuncio un erre forte.

            O segundo recordo foi ver anoxado a quen coidaba que nunca se podería enfadar. O Corral tiña internado. Alí chegaban rapaces, como se chegasen a un correccional,  que contrastaban cos do Carballiño, que iamos polo noso ano. Algúns daqueles internos eran un chisco rebeldes, descoñezo se tiñan causa, e nas clases dos profesores máis consentidores armaban as da cana verde. Iso tentaba de coutalo don Juan Corral, que era pequerrecho, en especial en comparanza con don Aurelio, que era un homazo para daquela. A escasa altura de don Juan obrigábao a dar uns chimpiños para poder ollar, a través dun ventanuco acristalado que había na franxa superior da porta da aula, as trasnadas que facían algúns dos nosos colegas. Ao ver subir e baixar a cabeza do propietario do colexio, os que estaban máis preto da porta pasaban a consigna “espía!”. Entóntodos formais e atentos. Un daqueles días debéranlle armar unha boa a don Aurelio; púxose moi nervioso, enfadouse, berrounos, e foise ao recanto ao que me mandaba a min a emitir erres, sacou tremente un paquete de cigarros e púxose a fumar, cun estilo elegante e botando o fume cara ao ceo. Todos ficamos en silencio. Cando rematou seguiu coa lección. Lembroume a don Aurelio, ata nos vestires, o Fernando Fernán Gómez que daba vida a don Gregorio n´A lingua das bolboretas, dirixida por aquel namorado e residente no Avieiro que foi o José Luís Cuerda.

            Don Aurelio era, cóntame o seu fillo Xan, director técnico do colexio, e daba Historia, materia na que era licenciado, nun só curso para poder figurar como tal. Catro décadas e media despois rebusco datos para achegarme a aquel home que dende as terras polas que troupeleou un fidalgo enxeñoso, ao que coñecemos por vontade de don Pedro Fernández de Castro, conde de Lemos, aconchegouse nestas do Avieiro,

            Procedía dunha familia de mestres. O pai, Domingo Miras Reche (1870-1950), aínda que almeriense de orixe, exerceu o maxisterio no Campo de Criptana.

Domingo Miras Reche. Tomado de franciscocronistacriptana.blogspot.com

De gran prestixio profesional, intelectual e moral, xa que, segundo se recolle na prensa do momento, renunciou a formar parte dun tribunal ao figurar como opositor o seu fillo Joaquín, que acabaría obtendo, en 1929, á praza da graduada de nenos de Criptana[i].

Domingo Miras Reche, á esquerda do cura, no campo de Criptana en 1909. Tomado de aulatercerciclo.blogspot.com
Curso 31-32 Campo de Criptana Domingo e Joaquín Miras. Tomado de aulatercerciclo.blogspot.com

De Domingo Miras Reche déitanos información o profesor Francisco Escribano Sánchez-Alarcos no seu blog[ii]; segundo este investigador, o pai de don Aurelio estivo a piques de cantar misa. Exerceu o maxisterio en Somontín (Almería) dende 1888 ata 1907. Nesta data trasladouse a Criptana como titular da escola de nenos, que máis tarde se convertería en graduada e da que sería director, posto dende o que exerceu unha grande influencia na vida cultural da vila. Tras a sublevación militar-fascista, exerceu ata marzo de 1938, data na que se xubilou cunha certa antelación á idade, parece que algo forzado polas autoridades republicanas locais. Tras o triunfo dos insurrectos na guerra tivo que someterse á preceptiva depuración. Así o fixo, indicando que prefería continuar na situación de xubilado. O proceso seguiu un rápido curso e o instrutor solicitou información ao novo alcalde sobre a conduta moral, privada e pública, así como da actuación política de don Domingo e outros mestres, entre eles o seu fillo Joaquín. Tocaba pois arrexuntar informes para non ser sancionado. Conseguiunos, e moi bos, do cura, do alcalde e do xefe da falanxe de Somontín, que incluso estendían as súas positivas consideracións a respecto das visitas vacacionais. Tamén dos pais dos rapaces de Criptana, de empresarios, do médico, do xuíz municipal, etc., pero o goberno municipal dos vencedores acusouno de colaborar “intimamente” co partido socialista e a UGT, antes de 1936, e “permanentemente” despois da sublevación, de propagar ideas marxistas, e de que aínda que antes era católico, despois colaborou contra a relixión. Don Domingo tiña unha boa situación económica, sobre a que lle deberon botar o ollo os xestores municipais, pois din que, ademais do soldo, posuía unha bodega, cerca da súa residencia, e edificios de casas de gran valor e recente construción. O informe da falanxe local é demoledor. Acúsano de ideoloxía esquerdista, de “rojo”, de actuacións revolucionarias, de propagandista e de colaborar, el e toda a súa familia, cos partidos da Fronte Popular, de insultar publicamente o exército, de ateo, de mala conduta pública. O informe da garda civil concreta que en 1934 solicitou firmas para o indulto dos revolucionarios marxistas de Asturias[iii] e declarou laicas as escolas que rexentaba, polo que o considera “instigador” dos feitos vandálicos cometidos durante a guerra na localidade por mor das ensinanzas que lle deu aos seus discípulos e ás persoas maiores, aos que sempre lles amosou as súas ideas; así que, conclúen, aínda que non se lle poidan imputar delitos non o consideran apto para o desempeño de cargos públicos e moito menos da súa profesión de inspector das escolas. Os informes de Criptana son asumidos pola comisión depuradora de Ciudad Real, que resolveu a suspensión de emprego e soldo por un ano, o traslado forzoso de provincia e o conseguinte rosario de prohibicións e inhabilitacións.  Don Domingo, a quen, segundo memoria familiar, déranlle un bárbaro maltrato físico, escolleu para o seu desterro regresar a Somontín e alí viviu ata a súa morte. Afirma o autor do blog:

                Pero el tiempo es implacable y justiciero. El franquismo pasó a mejor vida –aunque es cierto que    hay quien lo añora- y el nombre de Domingo Miras no ha sido olvidado en Campo de Criptana:   un colegio de enseñanza infantil y primaria lleva su nombre y, si las fuentes históricas son   propicias, algún día podrá ver la luz un estudio sobre su vida y sobre su obra educadora y cultural, con la que Campo de Criptana, pese a quien pese, tiene contraída una deuda nada desdeñable.

Carné de identidade. Arquivo familiar.

            O máis novo dos cinco irmáns Miras Azor nacera en 1915, chamábase Luís, era militar no exército republicano, de artillería, e acadou cando menos o grado de tenente[iv], rematou os seus días, aínda longos, ingresado nun psiquiátrico, polas feridas de metralla na cabeza. Joaquín, o máis vello, nacera en 1902; mestre como o pai, obtivo, nos primeiros anos vinte, praza na escola de Xirazga, en Beariz, ao pé da serra do Cando, nos lindes montesíos do Avieiro, onde casou e tivo unha filla en 1926. Enviuvou. En 1929 regresou ao Campo de Criptana,exerceu, na compaña do seu pai, na escola graduada, e volveu casar. Tras a derrota foi sometido a consello de guerra o seis de setembro de 1941[v], segundo se recolle no Boletín Oficial do Estado no que se revisa unha denegación anterior sobre recoñecemento dos trienios entre o 3 de agosto de 1940 e o 16 de marzo de 1963. Encarcerado, cando saíu en liberdade, e tras o expediente de depuración que o apartou do maxisterio, trasladouse a Purchena (Almería); despois asentouse en Madrid. Nalgún momento permitíronlle reingresar. Un fillo de Joaquín, o dramaturgo Domingo Miras Molina[vi] , viviu no Carballiño entre 1950 e 1952, na casa do seu tío Aurelio, mentres estudaba Dereito en Compostela.

            O segundo, en orde cronolóxica, dos irmáns, Antonio, tamén mestre[vii], e que debía ter boa man para a pintura[viii], naceu e 1903. Serviu o goberno republicano que o agregou á embaixada cultural en París. Tras a vitoria franquista convenceu as súas amizades para sacar presos dos campos de concentración franceses; cada cidadán francés podía facerse cargo de dous refuxiados, así puido conseguir que moitos marchasen para México. Tras a invasión nazi trasladouse a Orán (Alxeria), que ficou baixo o control do réxime de Vichy, e dedicouse á compra e venda de froitas. Cando chegaron os americanos queimáronlle os tres camións, pero pagáronllos máis que ben. En 1960 regresou a España con diñeiro suficiente para levar unha vida de solteiro “bon vivant”; instalouse en Madrid entre “tertulias”, viaxes a México e visitas ao Carballiño, onde ás veces coincidía co seu irmán Joaquín. De Encarnación, a única irmá, sabemos que tivo un fillo e conviviu, nos seus últimos anos, co seu irmán Antonio.

            Como xa comentamos noutro Avieiro, o autor de Juventud de Pepa Loba  obtivo escola en propiedade en Tomiño pero permutouna pola de Lebozán, nas terras do Deza, para estar máis preto de Santiago, onde estudaba Filosofía e Letras; licenciouse en 1940. A, na altura, boa situación económica familiar permitiulle continuar os estudos e pagarlle o soldo integro ao substituto, apelidado Portabales, que despois lle axudaría cando teña que incorporarse, sen moito papeleo, ás filas do exército franquista. A don Aurelio sorprendeuno o 18 de xullo en Compostela, regresou ás présas a Lebozán. Tiña 24 anos, sabía que ían recrutalo e que tería que pasar o proceso depurativo sen que se soubese moito sobre a súa militancia ugetista, máis ou menos intensa, segundo información familiar. No mes de setembro de 1936 foi mobilizado, ficando no seu posto de mestre ao ser funcionario público; así transcorre o ano seguinte ata que o 5 de maio de 1938, tras decretarse a agregación ao exército dos funcionarios e a mobilización do seu reemprazo, incorporouse como cabo furriel á Plana Maior do Batallón de Zapadores e Minadores nº8; quince días despois marcha, coa 25 compañía, para a fronte de Teruel. Durante as refregas posteriores á gran batalla foise quedando nas retagardas ata deixarse prender polo bando republicano onde loitaban os seus irmáns.

Certificación militar. Arquivo familiar.

Na certificación militar[ix] dise que “el día 19 de Septiembre del mismo año (refiriese a 1938) fue hecho prisionero por el enemigo en la posición de Masía de Don Pedro (Puebla de Valverde)[x], en la retirada realizada por la compañía para evacuar el campamento”. Tras a derrota, ao non topar sitio nos barcos prometidos e que non chegaron ao porto de Valencia e tras os masivos desprazamentos cara a Alicante, por divulgarse o rumor de que ían atracar alí os barcos ingleses e franceses, trasladouse, seguramente en compaña do seu irmán, a un campo de presos, onde os mandos republicanos o entregarían, como a moitos outros que se cambiaron de bando, como prisioneiro de guerra.      

Certificación depuraciòn. Arquivo familiar

      

Segue o informe militar, asinado na Coruña, dicindo que o 20 de abril de 1939, a guerra rematara o primeiro día dese mes, presentouse na Plana Maior clasificado coa categoría “A”[xi] polos responsábeis dos entregados en Purchena (Almería), lembremos que é a vila onde residirá nalgún momento o seu irmán Joaquín, probablemente integrante tamén destes “prisioneros y presentados” na vila almeriense.  O 17 de xuño de 1939 licénciano do exército. Regresou á súa escola, rematou Dereito, obtivo o título en 1943, e realizou as practicas cun avogado de Lalín ao tempo que impartía aulas de Historia nun colexio privado da capital dezá[xii]. Cando considerou que podía establecerse como avogado, trasladouse ao Carballiño cumprindo a norma de non exercer no mesmo lugar no que se aprendera o oficio. Aquí fixo o seu niño.

Aurelio Miras e Esperanza Portugal. Arquivo familiar.



[i] Cañas Reíllo, J. M. (2012, 2014): “Don Domingo Miras y su escuela (Campo de Criptana, 1910-1929)” e “La “Fiesta de la Raza” (Campo de Criptana 1921) (V): El discurso de Domingo Miras” https://criptanaeneltiempo.wordpress.com.

[ii] Escribano Sánchez-Alarcos: Ayer y hoy de Campo de Criptana. crónicas de la villa. http://franciscocronistacriptana.blogspot.com/.

[iii] Refírense á petición de  indulto de Ramón González Pena (1888-1952), mineiro, sindicalista e socialista, dirixente da UGT, deputado do PSOE e un dos líderes da revolución de outubro de 1934 en Asturias. Condenado a morte, conmutóuselle a pena. Tras as eleccións de febreiro de 1936, elixido deputado, ficou en liberdade. Durante a guerra foi ministro de xustiza con Negrín. Morreu no exilio en México.

[iv] Diario Oficial del Ministerio de la Guerra, Valencia, 22 de abril de 1937.

[v] BOE 30/5/1970, nº 129, 8421.

[vi] Naceu no Campo de Criptana en 1934. Entre 1951 e 1956 estudou Dereito en Santiago e Madrid, onde reside. Foi Premio Nacional de Lietaratura Dramática en 2000.

[vii] https://todoslosnombres.org/content/personas/antonio-miras-azor.

[viii] https://criptanaeneltiempo.wordpress.com/2015/04/22/perfumeria-floralia-el-concurso-infantil-campo-de-criptana-1916/.

[ix] Asinada na Coruña o 17 de xuño de 1939 por Miguel Alonso Becerra, capitán do batallón que mandaba, na altura, o tenente coronel Andrés Fernández Albalat.

[x] Ao sur de Teruel, preto de Valencia, na altura, sede do goberno republicano.

[xi] As comisiones clasificatorias que funcionaban nos campos determinaban o destino dos internados: os declarados “A” (afectos) ficaban en liberdade.

[xii] Trátabase do colexio “Sagrado Corazón”, fundado en 1939 pola mestra Maruja Gutiérrez e o astrónomo e profesor da USC Ramón María Aller. A mestra dirixiuno durante un cuarto de século e tivo despois continuidade.

PREMER NA IMAXE

Maruja Gutiérrez

———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.

Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).

Polo Avieiro de dona Emilia (33) : Calviño e a Bazán (2).

Polo Avieiro de dona Emilia (34): O meu Calviño

Polo Avieiro de dona Emilia (35): Quen é o da última fila, o da esquerda?

Polo Avieiro de dona Emilia (36): Sobre flâneurs, dandis, sátiros e airistas

Polo Avieiro de dona Emilia (37): Sobre auguistas e veraneantes.

Polo Avieiro de dona Emilia (38): O desterro de don Aurelio

Polo Avieiro de dona Emilia (39): A banqueira da Loba

Polo Avieiro de dona Emilia (40): A Loba en Cebre

Polo Avieiro de dona Emilia (41): A Loba de don Aurelio