O PP de Ourense esixe explicacións ao BNG por incluír na lista das municipais de 2023 a unha persoa que estivo no cárcere por abusos sexuais a unha menor

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

·      Os populares expresan o seu “estupor” e reclaman ao BNG que “por responsabilidade” investigue como puido dar cabida na súa formación a unha persoa condenada e presa por un dos delitos más execrables que pode existir

·      Ínstase á portavoz nacionalista, Ana Pontón, a que aclare cal é a situación actual desta persoa e a participación que está a ter no partido. Unhas explicacións que tamén debe ofrecer o socialista Gómez Besteiro, dado que a información tamén fala da participación do condenado nos procesos de elección de candidatos do seu partido nas municipais e nas xerais do pasado ano

25, xaneiro, 2025. O Partido Popular de Ourense esixe explicacións ao BNG por incluír na lista do concello de Coles nas pasadas eleccións municipais a unha persoa condenada por abusos sexuais a unha menor, delito polo que pasou sete anos no cárcere.

Os populares expresan o seu “estupor” por estes feitos, logo de coñecer a través dunha nova publicada no diario ourensán La Región os detalles da participación da persoa condenada na vida política da formación nacionalista durante o proceso electoral de maio de 2023. Unha vinculación que se estende, segundo a información xornalística, a outros partidos políticos como PSOE, Sumar e Ourense en Común.

Porén, foi no BNG onde chegou máis lonxe, atopando nesta formación un oco na súa lista electoral, segundo a mesma nova. Así, o PP ourensán reclama ao BNG que “por responsabilidade” investigue como puido dar cabida na súa formación a unha persoa condenada e presa por un dos delitos máis execrables que pode existir.

A formación popular espera “contundencia” por parte dos nacionalistas, en especial pola condición do condenado de portavoz dunha plataforma cidadá lexítima que impulsa e apoia o propio BNG.

Desde o PP ínstase tamén á portavoz nacionalista, Ana Pontón, a que aclare cal é a situación actual desta persoa e a participación que está a ter no partido. Unhas explicacións que tamén debe ofrecer o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, dado que a información tamén fala da participación do condenado nos procesos de elección de candidatos do seu partido nas municipais e nas xerais do pasado ano.