Na Feira Internacional de Turismo (FITUR) celebrada en Madrid tivo especial protagonismo a xornada dedicada ao Xeodestino Ribeiro-Carballiño, na que foi presentada a campaña “O corazón termal de Galicia” para a promoción das dúas comarcas coma referente nacional das augas mineiromedicinais e dos balnearios. Os recursos termais do Xeodestino O Ribeiro-O Carballiño son o mellor escaparate para a promoción turística dos 19 concellos destas dúas comarcas e dos outros dos municipios limítrofes da provincia de Ourense que están integrados (Pontedeva e Toén), ao abeiro do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR-12).
Así, baixo o lema “O corazón termal de Galicia”, este territorio pode presumir das surxencias mineromedicinais existentes e dos centros termais situados en Arnoia, Cortegada, Laias (Cenlle), Prexigueiro (Ribadavia) e As Caldas e Gran Balneario (O Carballiño), cunha importante afluencia ao longo de todo o ano. No caso de Leiro, o balneario existente na parroquia de Berán está pendente de adxudicar a súa explotación, mentres en Boborás hai un proxecto en marcha para As Caldas de Brués.
A importancia desta riqueza termal no territorio de ambas comarcas, e que é única en Galicia, foi destacada polo concelleiro de Turismo do Carballiño, Manuel Dacal, que estivo presente en FITUR na compaña do tamén edil carballiñés Diego Fernández, responsable das áreas de Cultura e Benestar Social. Dacal apuntou que “as comarcas do Carballiño e O Ribeiro teñen que camiñar da man ofrecendo un produto que xire en torno aos balnearios, a enogastronomía e a cultura”.
Unha oferta que no caso do Carballiño terá un forte compeñente enogastronómico co pulpo coma eixo principal, dentro do Plan de Sostibilidade Turística financiado con un millón de euros polos fondos ‘Next Generation’, xunto aos seus complementos esenciais: o viño da Denominación de Orixe Ribeiro e o pan da IXP Pan de Cea, ademais da promoción doutros recursos patrimonais, artísticos, paisaxísticos e etnográficos da comarca carballiñesa.