A sucesión de gromos da flavescencia dourada non últimos dous anos leva a que a praga xa estea presente en moitas explotacións próximas a conca do río Miño nas provincias de Ourense e Pontevedra. Esta situación leva a que tanto na Denominación de Orixe Ribeiro como na das Rías Baixas a enfermidade xa sexa endémica e, de non actuar con decisión, se estenderá a denominación de orixe Monterrei. Unións Agrarias, insta a Xunta de Galicia a actuar nunha tripla dirección, por un lado facendo controis mais esixentes de certificación fitopatolóxica nos viveiros que neste tempo están aportando novas cepas ás explotacións, para evitar a entrada de plantas afectadas pola doenza. En paralelo afondar na campaña de información a todos os elos da cadea vitivinícola para teñan un coñecemento claro de como actuar de xeito eficaz ante unha das enfermidades fitoplasmáticas máis importantes e prexudiciais para a vide e polo tanto para renda das explotacións.
Para a organización agraria tamén é moi importante que Xunta de Galicia actúe xa para tratar de controlar, antes da primaveira, a actividade do insecto transmisor (Scaphoideus littoralis), mediante trampeos e tamán proceder inmediatamente a arrincar todas as cepas nas parcelas ermas. Polo que é preciso dotar de orzamento un protocolo urxente de entrada nas parcelas abandonadas para arrancar as cepas e evitar que estas se convertan nun reservorio e un foco de propagación desta doenza, letal para as vides.
A organización considera necesario abordar a situación con rigor e celeridade e procurar métodos para controlar unha praga que avanza desde Portugal e cuxa propagación podería ter consecuencias nefastas. Nese senso, Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia dea un paso adiante e impulse sen demora un plan de acción que permita implementar as medidas precisas para poñerlle freo ao problema antes de que este se dispare de novo coa chegada da época primeveiral.
O ‘Scaphoideus littoralis’, un pequeno insecto da familia dos cicadélidos, é o responsable da transmisión da flavescencia dourada polo que, alén da aplicación de tratamentos fitosanitarios para combatilo, a eliminación das cepas afectadas supón unha parte fundamental da metodoloxía a aplicar.