
Así o acordou a Corporación provincial no pleno ordinario de xaneiro, co fin de controlar un elemento radioactivo natural no que Ourense é a provincia galega cuns índices máis elevados deste elemento, que se acumula en espazos pechados e cuxa inhalación prolongada asóciase a un maior risco de cancro
Tamén se aprobou no pleno unha moción na que se insta ao Goberno de España a garantir a mobilidade da veciñanza nos concellos ourensáns afectados pola proposta do mapa de concesións estatais de liñas de autobús, garantindo o mantemento das paradas e servizos que se pretenden suprimir e recuperando as xa suprimidas
Ourense, 31 de xaneiro de 2025.
A Deputación de Ourense creará un plan de cooperación cos concellos para a protección da veciñanza fronte aos riscos do gas radón, un elemento radioactivo natural, incoloro e inodoro, que se acumula en espazos pechados e cuxa inhalación prolongada asóciase a un maior risco de cancro de pulmón.
Así o acordou esta mañá a Corporación provincial no pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro, logo de apoiar por unanimidade unha moción na que se destaca que Ourense é a provincia galega cuns índices máis elevados de concentración deste gas polas súas características xeolóxicas, é dicir, pola presenza de chans graníticos.
Segundo a iniciativa aprobada hoxe, o programa de cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes -todos os da provincia agás a capital- terá como obxectivo o control e eliminación deste elemento para protexer a saúde da veciñanza fronte aos riscos asociados ás elevadas concentracións de radón.
Para levar a cabo este plan tamén se propón a colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para realizar os estudos necesarios que axuden a controlar o gas nos concellos adscritos ao plan. Unha iniciativa que se formula como gratuíta, sempre que sexa posible, e en cooperación con outras administracións multiplicando as accións de divulgación e sensibilización sobre os perigos das elevadas concentracións de gas.
Desde o departamento de Prevención de Riscos Laborais da Deputación de Ourense elaboraranse ademais informes periódicos sobre a presenza do gas nos edificios provinciais e a exposición dos traballadores, co fin de que se adopten as medidas necesarias para reducir os seus niveis, informando cada trimestre dos controles e medidas feitas. Tamén desde a citada área colaborarase cos concellos, sexa no ámbitos normativo ou consultivo, para paliar o impacto e previr os efectos perniciosos da exposición a este gas.
Liñas estatais de transporte
Tamén no capítulo de proposicións, o pleno aprobou unha moción na que se insta ao Goberno de España a garantir a mobilidade da veciñanza nos seis concellos ourensáns afectados pola proposta do mapa de concesións estatais de liñas de autobús (Trasmiras, A Mezquita, Ribadavia, Riós, A Rúa e Allariz), garantindo o mantemento das paradas e servizos que se pretenden suprimir e recuperando as xa suprimidas.
Neste mesmo asunto ínstase ao Goberno central a que calquera proposta que pretenda establecerse incorpore as demandas trasladadas desde todas as administracións en relación con este servizo de mobilidade e, en particular, que se teñan en conta as peculiaridades xeográficas e de poboación da provincia de Ourense, prestando especial atención ás conexións no rural.
Orzamento do Consorcio de Augas de Valdeorras
Na orde do día figuraban ademais varios asuntos de trámite, entre eles a aprobación inicial do orzamento do Consorcio de Augas de Valdeorras para 2025, por importe de 1,8 millóns de euros, documento económico que se integra no orzamento xeral da Deputación de Ourense.
Ademais, deuse o visto bo á modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación por parte da institución provincial. Un cambio polo que se establece que os concellos que teñan delegada a recadación en executiva tamén terán que delegar a voluntaria, dando un prazo dun ano para que fagan extensiva esta delegación.
Sinalar por último que se acordou modificar as bases de execución do orzamento vixente da Deputación no relativo a anticipos de pagamentos a funcionarios e persoal laboral fixo e anticipos de caixa fixa.