O grupo de teatro Tiruleque vén de facer pública a convocatoria para a selección das obras que participarán nunha nova edición do ‘Mostra de Teatro Amador Terras de Orcellón’, que terá lugar no Carballiño do 4 de outubro ao 10 de novembro deste mesmo ano. Asemade, a asociación cultural solicita do Concello carballiñés unha subvención nominativa de 6.000 euros como contribución aos gastos derivados da organización do evento, e tamén a disponibilidade de uso do Auditorio Manuel María, onde se levarán a cabo as representacións nesas datas subliñadas, no horario das 8 da tarde.
Nas bases da convocatoria desta 18ª edición fíxase o 14 de xuño como data límite para que os grupos de teatro afeccionados poidan presentar as súas montaxes, que deberán estar interpretadas en lingua galega e cunha duración mínima de 60 minutos e unha máxima de 90. Os colectivos teatrais interesados deberán remitir á organización imaxes e vídeos da posta en escea das obras, sempres que non as tivesen representado noutro festival. As ofertas pódense enviar ao correo electrónico tirulequeteatro@gmail.com.
Cada un dos grupos seleccionados percibirá 775€ pola súa participación se está asociado á Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e 500€ no caso contrario. Por outra banda, Tiruleque mantén a concesión do Premio Tiruleque, que na pasada edición correspondeulle á Aula de Teatro da Universidade de Vigo–Campus de Vigo pola súa posta en escena de “Soño dunha noite de verán”, que se outorga, a criterio da organización, ao mellor grupo teatral participante. Este premio, que non ten contido económico, consiste na contratación directa do grupo gañador para a futura Mostra, sen ter necesidade de pasar pola escolma do xurado cualificador.