A asamblea de Club Deportivo Arenteiro debatirá mañá sobre a súa conversión en sociedade anónima

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente de Club Deportivo Arenteiro, Argimiro Marnotes, convocou para mañá xoves, día 6 de febreiro, unha asamblea extraordinaria da entidade, na que se estudiará, entre outros temas, a posibilidade de convertela nunha sociedade anónima deportiva. As socias e socios do club están chamados a participar nesta xuntanza, que terá lugar no Auditorio Manuel María do Carballiño, dende ás 20,30 horas en segunda e definitiva convocatoria.

Na orde do día da reunión inclúese, inicialmente, a presentación por parte da xunta directiva do informe deportivo, social e económico da tempada pasada e da situación actual do club. No segundo punto, proponse a preceptiva autorización da asamblea para o inicio dos trámites legais, administrativos e contables que sexan necesarios para a conversión da entidade nunha Sociedade anónima deportiva (SAD).

A continuación, a dirección do Arenteiro tamén solicita da masa social do club a autorización pertinente “para recibir, de terceiros, cantidades monetarias como aportacións durante actual tempada 2024/25 con devolución en forma de accións da futura SAD na cantidade que proceda, segundo o valor que se determinase no proxecto de conversión en SAD”.

Finalmente, informarase aos asistentes á asamblea sobre os avances rexistrados no proxecto de construcción dun novo estadio deportivo na zona da Uceira, e sobre a iniciativa de levar a cabo obras de ampliación do actual campo de Espiñedo. A xuntanza rematará co habitual turno de rogos e preguntas. A entrada ao Auditorio só será autorizada para aqueles socios do clube co carné da tempada 2024/25 en vigor, dos cales só terán dereito a voto os maiores de 18 anos.