As novas incorporacións á bolsa de voluntariado reforzan o movemento asociativo de COGAMI, a igualdade de oportunidades e as competencias de voluntariado e xestión en accións innovadoras.
Durante o ano 2024, foron 92 persoas as que se incorporaron á bolsa de voluntariado que ten COGAMI, chegando a engrosar a cifra de 1.369 persoas inscritas. Das novas incorporacións deste ano, 21 foron persoas con discapacidade que se unen ao compromiso da promoción da inclusión e a participación social dentro do colectivo.
A rede de voluntariado de COGAMI iniciou no ano 2001 para canalizar programas de acompañamento e apoio a persoas con discapacidade dentro e fóra do domicilio, como apoio educativo a estudantes que precisan de reforzo nalgunha materia, como apoio das persoas que realizan natación terapéutica e durante a realización de actividades de lecer e deportivas.
Outra das participación das persoas voluntarias é durante a realización de charlas de sensibilización, concienciación e prevención de lesións medulares que COGAMI dirixe ao conxunto da poboación, sobre todo, nos centros educativos. A participación das persoas voluntarias consiste en contar as súas propias vivencias. Durante 2024 realizáronse 62 charlas nas que participaron 1.297persoas.
Dirixida a persoal que xestiona programas de voluntariado, COGAMI ofrece tamén formación especializada para reforzar o movemento asociativo con programas como Rede de Voluntariado da Liña VI, financiado pola Xunta de Galicia cos fondos do 0,7% do IRPF. En 2024 este programa contou coa participación de 54 persoas voluntarias e xestoras de accións de voluntariado.
Con este programa, COGAMI reafirma o seu compromiso coa promoción da inclusión e a igualdade, fortalecendo o seu papel como referencia no voluntariado social en Galicia.