Álex Vázquez: “Club Deportivo Arenteiro sempre tivo a capacidade de repoñerse a este tipo de situacións”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O director deportivo de Club Deportivo Arenteiro, Álex Vázquez, compareceu hoxe en rolda de prensa para realizar un balance de situación da plantilla de xogadores, tra-las baixas que veñen de marcar un punto de inflexión neste comezo da segunda volta na Primeira Federación e as incorporacións rexistradas na última semana. O máximo responsable deportivo da entidade lembrou que ao inicio da tempada a plantilla era de 22 futbolistas e que na actualidade hai un total de 19 á disposición do club. Entre as saídas, citou as de Tiago, Tomás, Marcos, Joao, Diego Gómez e Javi Moreno, se ben, entre as baixas actuais, hai que destacar as de tres xogadores que están a atravesar lesións de gravidade, coma é o caso de Nacho Ramón, Iván Muñoz e Darío Ramos, aos que C.D. Arenteiro xa lles propuxo a súa renovación.

Álex Vázquez apuntou tamén as novas seis altas: Andrés Borge, Luis Fernández, Sergio Esteban, Simón Luca, Juanma Cuéllar e Adri López. Nunha valoración sobre a situación do club, apuntou que “non conquerimos o obxectivo de poder manter na plantilla a aqueles futbolistas que estaban a ter unha alta participación nesta tempada, porque non tivemos a suficiente capacidade para retelos”, aínda que avogou por traballar para manter o nivel competitivo que vén amosando o equipo na competición, que se verá reforzado agora con estas incorporacións “de futbolistas polivalentes”.

O director deportivo avanzou que se está a negociar a entrada dun xogador para o posto de derensa central, que podería ser un feito nos vindeiros días. Álex Vázquez fixo unha valoración final da actual situació: “Levamos acumulados varios anos de éxitos a nivel deportivo e estas son situacións coas que xa temos convivido, porque aínda que marche xente que o estaba facendo ben, virán outros que o seguirán facendo ben”. Concluíu asegurando que “o Arenteiro ten a capacidade para repoñerse, o equipo vai seguir igual ou máis competitivo, creo que nos espera unha segunda volta moi ilusionante”.