Espazo Común ve complicidade entre Deputación e Viaqua na mesa de contratación da xestión do ciclo da auga do Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O grupo municipal de Espazo Común cualificou hoxe de “trama” o proceso levado a cabo pola Deputación de Ourense e o Concello do Carballiño para o nomeamento da mesa de contratación que adxudicará a xestión do ciclo da auga, ao entender que se vulnera a lei pola presenza nela dun funcionario da institución provincial, socia da empresa Viaqua na sociedade mixta ‘Aquaourense’ na que éste é conselleiro. O voceiro de Espazo Común, Manuel Vázquez, asegurou que “agora vese o interese do Partido Popular de que na mesa de contratación non haxa políticos nen representantes da oposición no Concello, senón técnicos nomeados polo presidente da Deputación, Luis Menor, co obxectivo de dirixir o concurso a determinadas empresas”.

Vázquez aludíu, concretamente, a Viaqua, unha das firmas que concorre á adxudicación, que integra, xunto coa Deputación, a chamada ‘Sociedade provincial de augas e medio ambiente S.A.’, entidade da que é conselleiro Javier Bobe Vázquez, funcionario da institución provincial e un dos tres técnicos nomeados para ser membro da comisión seleccionadora para adxudicar a xestión da rede de abastecemento e saneamento do Carballiño, que terá validez por un periodo de 10 anos e unha licitación aproximada de 60 millóns de euros.

“É un concurso trucado xa que a Deputación ten aí un conflicto de intereses, e agora entendemos porque o voceiro do PP na Corporación do Carballiño (José Castro-Gil) non quería políticos na mesa de contratación”, subliñou Manuel Vázquez. E anunciou que “imos facer pública toda a documentación relativa a este tema e rexistrala no Concello, para que lle chegue a tódolos grupos políticos, e tamén no Tribunal Administrativo de Contratacións de Galicia”. O obxectivo é conquerir “a anulación de todo o procedemento de contratación, e que se abra un concurso novo con igualdade de oportunidades para tódalas empresas”.

Por parte da Deputación de Ourense matízase que “o nomeamento da mesa de contratación é únicamente responsabilidade do Concello do Carballiño”. As mesmas fontes engaden que “a Deputación só respostou a unha petición do Concello para a participación de tres técnicos na mesa, que así foron propostos”. Conclúen que “estes técnicos son funcionarios, non son traballadores de ningunha empresa”.