O sábado, 8 de febreiro, ás 12, 30, na librería OZOCOgz do Carballiño presentarase a Doutrina e Ritual da Moi nobre Orde Galega do Sancto Graal, unha proposta íntima, case secreta para unha minoria, de Vicente Risco. Sendo esta publicación un ensaio arredor dun tema, propio do simbolismo decadentista que abre ao Modernismo, do pensamento de Vicente Risco e do seu selecto grupo de amigos, realizado polo carballiñés e historiador da Cultura Galega, Felipe-Senén. Nestes folios manuscritos que o filósofo ourensán entrega ao seu amigo, tan vinculado ao Carballiño Alfonso Vázquez Monjardín, Felipe Senén atopa moito sobre o devalar dos cavilares de Risco, fondamente radicados no que marca a identidade e a diferenciación de Galicia: o panceltismo e o cristianismo. Panceltismo como occidente atlántico, esa interrelación, tan oriental de paisaxe e paisanaxe, xunto cun cristianismo tradicional, priscilianista, franciscanista, panteísta, tradicional, o de Basilio Álvarez…
A universalidade da singularidade galega: panceltismo e cristianismo popular
Risco atopa nas lendas do Grial e a súa busca un tema moi en relación con Galiza e o seu vencello con Europa: o Grial como caldeiro da comunidade e da harmonía céltica, cristianizado como o Cáliz da Sangue de Cristo, levado nunha nova odisea, como a de Breogán, por Xosé de Arimatea de Xerusalén a Irlanda, pais de ética, estética e creadores que estarán moi nas miras do grupo Nós. Aspectos que compre matizar naquel persoeiro ourensán, non ben estudado e comprendido, caracterizado por crear irmandades, seminarios e ordes arredor de canto significa Galiza e a súa unión nesas orixes que marcan a orixinalidade da nación. Temas moi tratados nos selectos parladoiros intelectuais de Mondariz e dos que tomaban nota o poeta Ramón Cabanillas, o escenógrafo Camilo Díaz Baliño, o escultor Asorey ou o arquitecto Antonio Palacios… Creadores mergullados no sentimento decadentista , propio dun mundo que anunciaba este presente onde os ser humano é arrastrado pola arroiada da comercialización, da cousificación, das redes e enredos das novas tecnoloxías, coa conseguinte perda do espírito do pobo, ese xeito de artellar pasados e presentes, tradicións e innovacións, un xeito de ser e estar, caracterizado polo simbolismo e o realismo máxico. Díaz Pardo e Luiz Seoane, nas súas Industrias da Memoria, beberon e tentaron seguir estes camiños de singularidade galega como aporte á universalidade