Expourense acollía esta mañá a presentación do 1º Campionato de España de Atletismo en Pista Curta organizado pola Federación Española de Deportes para persoas con Discapacidade Intelectual (FEDDI), que se celebrará na pista deportiva do recinto feiral durante toda a fin de semana, e que reunirá a un total de 272 deportistas con e sen discapacidade, procedentes de 25 clubes diferentes de 12 comunidades autónomas.
Este torneo supón a primeira edición do Campionato de España de Short Track FEDDI individual e por equipos, e o peche do periodo de clasificación para o Campionato de Europa Short Track VIRTUS (a federación internacional), que se celebrará en Espon (Finlandia) do 27 ao 31 de marzo, de xeito que, unha vez rematada a cita de Ourense, conformarase o equipo que representará a España nesta competición. O evento retransmitirase en directo pola canle de youtube da FEDDI.
O acto de presentación deste campionato contou coa participación do xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez; o vicepresidente da Deputación provincial, César Fernández; a directora executiva da FEDDI, Celia Garrote de Las Heras; a secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA), Susana García, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Tamén asistiron o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Lalo Gómez, e o presidente do C.D. La Purísima, David Valcárcel.
A directora da FEDDI destacou na súa intervención que “é unha importante acción de inclusión, xa que en colaboración coa FGA ofreceuse a posibilidade a deportistas galegos de participar no evento a xeito de control. Desta maneira conseguimos que deportistas con e sen discapacidade compartan un mesmo espazo de competición e uns mesmos obxectivos, conquerir as súas mellores marcas”.
Con iste torneo, son xa máis dunha ducia os campionatos de España de atletismo que ten acollido esta instalación punteira, que, tal e como indicou o xerente de Expourense, “teñen sido cualificadas polos propios atletas como ‘pista milagre’, unha pista rápida que foi, é e esperamos que siga sendo o escenario dos récords de España e do Mundo nas distintas categorías”.
O atletismo é o deporte que mellor se adapta ás circunstancias físicas e intelectuais de cada deportista e é por elo unha das disciplinas con meirande número de practicantes. Esta mesma semana celebrábase o Campionato Galego de Deporte Adaptado, que supuxo un bó quentamento para a competición desta fin de semana, á que se suman agora deportistas de toda España.