A compañía Caramuxo Teatro ofrecerá mañá, domingo día 9, no Auditorio Manuel María do Carballiño e as 18,00 horas, a representación de “Crisálida”, unha montaxe especialmente dirixida ao público infantil a partir dos seis anos, con entrada a un prezo de 3,50 euros. Esta función vén promovida pola Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e foi galardoada co Premio María Casares 2024 ao mellor espectáculo para público familiar.
“Crisálida” é o espectáculo máis ambicioso de Caramuxo Teatro, e no que se quere poñer en valor a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado e cada vez máis dixitalizado. A importancia da existencia de eses espazos que crean comunidade. Unha montaxe de máscaras, sen texto, con catro actores (Laura Sarasola, Josito Porto, Juan Rodríguez e Anahí Taraburelle) e dirixido pola prestixiosa directora Olga Margallo.
Caramuxo Teatro é unha compañía de teatro infantil e familiar nada na Coruña no 2003, formada por Juan Rodríguez e Laura Sarasola. No 2005 estrean “Glub, Glub”, o que foi no seu momento o primeiro espectáculo de teatro parabebés producido en Galicia. Actualmente, ademais de traballar nunha liña específica para bebés, co espectáculo “Zapatos” e “Nacasa”( recomendados pola Red Nacional de Teatros) ten en carteleira espectáculos para o público infantil e familiar.
Dende os inicios mesturan diferentes técnicas,teatro de actor, títeres, danza.. producindo espectáculos como “Mensaxe sen botella” , “Lazarillo”, “Animaliños”, “Os Bolechas”, “Zapatos” e “Feo!” (Premio María Casares), entre outros. A liña de traballo céntrase nuns textos elaborados a partir da súa experiencia no eido educativo, unha estética coidada e unha escolla musical axeitada de modo que o resultado sexa un traballo poético, emotivo e visual para desfrutar en familia.