Catro concellos da comarca programan os seus desfiles para celebrar as festas do Entroido

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A celebración das festas do Entroido serán moi participativas en catro concellos da comarca do Carballiño co seu epicentro nos sábados días 1 e 8 de marzo. Así, o Concello do Irixo ten previsto para o día 1 un desfile de comparsas que sairá ás 17,00 horas da residencia de maiores ‘Pena da Sela’ cun percorrido que chegará ata o pavillón polideportivo municipal, onde os participantes serán agasallados cunha chocolatada. Según establecen as bases da convocatoria, os grupos de entre 10 e 25 integrantes recibirán 100 euros; os de 26 a 50 levarán 200 euros, e, finalmente, as comparsas de máis de 50 membros terán 300 euros de asignación. Tamén San Cristovo de Cea terá, dende as 17,00 horas, un gran desfile na mesma xornada do día 1, con premios de 700, 350 e 150 euros para as tres melloras agrupacións de disfraces.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Entroido máis autóctono será o eixo do programa de Boborás, que se abrirá o día 1 de marzo, ás 19,30 horas, cunha festa no pavillón municipal de deportes, onde non faltarán empanadas, chourizos con pan ou chocolate con bica, todo amenizado con música en directo e a instalación de inchables para a cativada. Na xornada dominical do día 2, será o turno dos ‘Felos de Feás’, que sairán ás 17,00 horas do campo da festa para percorrer as localidades de Vilachá, Cardelle e Vecoña antes de retornar ao local social de Feás, onde haberá pinchos para os disfraces.

E xa o luns, día 3, dende o bar da Ponte partirán ás 22,00 horas os ‘Rodos de Pazos’ para percorrer Pazos de Arenteiro co seu son particular para espertar a veciñanza, rematando a noite con pinchos e chocolate quente. Finalmente, San Amaro ten previsto centrar o Entroido no ‘Sábado de Piñata’, o día 8 de marzo, cunha festa e desfile con premios para as comparsas con máis de 15 compoñentes.