Vilamarín, 10 de febreiro do 2025.- O Pleno do Concello de Vilamarín aprobou por unanimidade a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) para garantir o subministro domiciliario de auga potábel ás veciñas e veciños de Seara e A Pica, un servizo esencial e de prestación obrigatoria segundo a lexislación vixente.
A moción, defendida polos concelleiros do BNG, Breixo Fernández Baliño e Lucía González Álvarez, recolle a demanda veciñal de acceso a auga potábel e lembra que o Concello ten a obriga de prestar este servizo a todos os domicilios situados en zonas urbanizadas. Segundo a Lei de Bases de Réxime Local, esta competencia municipal non pode ser desatendida, e a súa ausencia podería ser considerada un caso de inactividade administrativa.
O BNG xa expuxera esta cuestión no Pleno do 25 de marzo de 2024, onde o goberno municipal recoñeceu a existencia de solicitudes veciñais, pero sen ofrecer unha solución concreta. Ante esta situación, a moción aprobada establece dous puntos clave:
1. Garantir o subministro domiciliario de auga potábel en Seara e A Pica, dado que se trata dun servizo mínimo de prestación obrigatoria.
2. No caso de que o Concello non sexa capaz de asumir esta responsabilidade, solicitar asistencia da Deputación Provincial, conforme ao artigo 26.3 da Lei de Bases de Réxime Local.
Desde o BNG de Vilamarín valoran positivamente o respaldo unánime a esta iniciativa, pero recalcan que “estarán vixiantes para que o acordo se cumpra e que o dereito á auga potábel da veciñanza sexa finalmente garantido”.