A programación do Entroido extenderase no Carballiño entre o venres 28 de febreiro e o domingo día 9 de marzo, con actividades tanto para cativos como adultos e co obxectivo de que tanto a veciñanza como as persoas que se acheguen ata a vila desfruten destas festas e se animen a disfrazarse. O programa foi presentado na mañá de hoxe na Casa do Concello polos concelleiros de Cultura, Diego Fernández, e Turismo, Manuel Dacal, quenes destacaron a repercusión moi importante que vai ter tanto na hostalaría coma no comercio locais.
A data de saída coincidirá coa xornada de feira do día 28, na que os hosteleiros premiarán os mellores disfraces e haberá un desfile infantil con 500 rapazas e rapaces dos centros de ensino, que rematará cun baile na discoteca Maxim’s, ademais de animación de charangas polas rúas. Ao día seguinte, sábado 1 de marzo, organizarase un obradoiro de máscaras pola mañá, mentres que pola tarde está previsto o concurso infantil, a partir das 16,30 horas, amenizado pola DJ Tibu, e no que os participantes terán en disfraces individuais e colectivos premios entre os 20 e os 100 euros en material escolar, finalizando á noite cunha sesión de dj’s baixo o epígrafe “Unha viaxe ao Entroido dos 80’s”. A grupo Tokaide e a tradicional comparsa Os Liborianos serán os protagonistas da xornada dominical do día 2, cos seus pasarrúas e o canto das famosas coplas satíricas.
Un dos días grandes do Entroido será o martes, día 4, coa celebración do gran desfile-concurso de comparsas, que partirá ás 17,30 horas, e no que haberá premios para as oito mellores agrupacións dos 200 aos 1.300 euros, ademais de 12 accésits de 120 euros e un especial de 300 euros. Pola noite, a Praza Maior acollerá unha verbena coa empresa Alkar. O mércores, día 5, os integrantes da asociación Aspadisi e do grupo de teatro Dar Trela serán os encargados de organizar o Enterro da Sardiña, que terá lugar ás 19, 30 horas na Praza Maior.
E o programa do Entroido terá o seu punto final coa celebración da ‘Festa da Cachucha’, que acada a súa 30ª edición e co obxectivo de conquerir a súa declaración de ‘festa de interese turístico galego’. Un total de 19 restaurantes servirán o tradicional menú con cocido de carne de cacheira de porco con repolo ou grelos, regado con viño do Ribeiro, postre típico, café e chupitos. “O ano pasado superáronse as 2.000 reservas para xantar e neste xa hai nove restaurantes que colgaron o cartel de completo, o que a convirte nunha das festas de Entroido senlleiras de Galicia”, apuntou Manuel Dacal. O tradicional desfile de charangas e as comparsas de Amoeiro, Cea ou Campo Lameiro. A xornada rematará cunha verbena amenizada pola orquestra Gran Parada.