Psicoloxía, Dereito e Educación son as áreas con máis probas feitas durante a última semana de xaneiro e a segunda de febreiro. Os estudantes tiveron un bo comportamento e, para contrastar co rigor do acto de examinarse, remataban cada sesión adozando o momento con caramelos, unha vez entregado o seu exame.
OURENSE, 12 de febreiro de 2025. A convocatoria de exames de xaneiro-febreiro en UNED Ourense pechouse cun resultado de 1.468 probas presenciais realizadas no centro universitario ourensán. Neses días, cuxas vinte sesións transcorreron con normalidade, destacaron, por número, os exames de Psicoloxía, Dereito e Educación.
Na primeira semana fixéronse 545 exames en UNED Ourense. Deles, 139 foron da Facultade de Psicoloxía, 137 de Dereito e 125 de Educación. Do Curso de Acceso para maiores de 25 e 45 anos houbo 38 exames nesta convocatoria primeira do ano. Outros 21 exercicios corresponderon á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Das carreiras de Ciencias en Ourense levaron a cabo 17 probas presenciais, as mesmas que se rexistraron nesta cidade, pero da Facultade de Xeografía e Historia. De filosofía houbo 15 exames, un menos en Filoloxía. Da Facultade de Políticas e Socioloxía, nesta primeira convocatoria, levaron a cabo 11 exames en Ourense. En enxeñerías, houbo 9 probas do grao en Enxeñería Informática e dúas de Enxeñeiros industriais.
O tribunal desta primeira semana estivo composto por José Luis Calvo González como presidente; Jesús Manuel García Díaz, vicepresidente; Marta García Garralón, secretaria e Pedro Antonio Tamayo Lorenzo, vocal. A Comisión de Apoio ao Tribunal integrárona, por parte do sector de Profesores Titores, Natalia Carniceiro Villamarín e María Concepción Álvarez Gómez. E por parte do PTGAS, Elisa Muradás Bravo e Purificación Prado Fernández.
Na segunda semana o total de exames realizados en UNED Ourense foi de 923.Por facultades, a maior cantidade de probas correspondeu a alumnos da Facultade de Psicoloxía, con 253, seguidas das de Dereito, que foron 240. En terceiro lugar destacan os 194 exames da Facultade de Educación. De Xeografía e Historia fixéronse en Ourense 51 exames na segunda semana da convocatoria de febreiro, máis 38 probas correspondentes ás facultades de Filoloxía, Filosofía e Ciencias Económicas e Empresariais respectivamente.
De Ciencias levaron a cabo 25 exames, seguidos dos 24 de Enxeñería Informática, 15 de Políticas e Socioloxía, sendo 5 as probas realizadas en UNED Ourense de Enxeñería Industrial.
O tribunal da segunda semana estivo formado por Beatriz María Rodríguez López, en calidade de presidenta; Jesús Manuel García Díaz, vicepresidente e José Antonio Vallejo Rodríguez, secretario. Na Comisión de Apoio ao Tribunal exerceron a súa responsabilidade, por parte do sector de profesores titores, María Concepción Álvarez Gómez e Nemesio Pereira Lorenzo; por parte do PTGAS, Luis Gulín Iglesias e Purificación Prado Fernández.
Os dez días de exames, a razón de catro sesións de dúas horas cada día, desenvolvéronse sen novidades, demostrándose unha vez máis o interese da maioría dos estudantes en facer o mellor posible o seu exame. Para contrastar co nerviosismo e a seriedade das probas, na aula de exames non faltou a bandexa con caramelos que xa é unha tradición, para cando os estudantes entregan o seu exame.
Todos foron advertidos das medidas de seguridade antes de acceder á aula, e de novo lembráronselles unha vez sentados cada un nos seus postos. O sistema de vixilancia é forte, entre a vixilancia ocular por todas as filas de mesas de forma continua e a tecnolóxica, que tamén leva a cabo. De igual modo, contrólase todo o material que se permite levar a algúns estudantes, de modo que entre as páxinas dos libros que poidan usar, non haxa material nin apuntamentos sospeitosos. E o mesmo faise coas calculadoras, pois algún estudante pretendeu utilizala sen ter dereito a iso no seu exame. Tamén se revisan fúndalas das calculadoras, pois en dúas detectáronse fórmulas escritas a man.
“O tribunal é rigoroso na súa actuación, e non atende á máis mínima acción ilegal pois non se pode permitir que alguén tente tomar un atallo para exceder á inmensa maioría dos nosos estudantes, que se esforzan durante meses para triunfar nas probas da convocatoria con honradez. Os avisos que damos son definitivos e unha vez contravindos, non hai marcha atrás”, sinalou Jesús Manuel García. “O bo é que esa maioría de estudantes sabe comportarse e afrontar as probas sen recorrer a estratexias arriscadas de dubidoso éxito na sala”.
Os nervios, por máis que se tente eliminalos, son persistentes, o que se demostra con algún alumno incapaz de ler o encabezamiento do exame ou o que tendo diante o reloxo dixital en pantalla grande, preguntaba a hora. “Insistímoslles en que lean con detemento as instrucións de cada exame, porque son probas personalizadas, distintas, e en todas as sesións hai alguén que se despista e fai o que precisamente nas propias instrucións do seu exame indícanlle que non debe facer”, engade o vicepresidente do tribunal quen, como director de UNED Ourense, encomia o comportamento xeral dos estudantes deste centro ourensán. E así llo fixo ver nalgún deses días de probas, nos que acompañou a todos os estudantes nos seus exames, desde a primeira sesión da mañá do luns ata a última do venres de cada semana de probas presenciais, pois é un momento irrepetible de contacto con este colectivo fundamental, para intercambiar impresións con eles e darlles ánimos sempre. O director agradeceu a implicación de todo o persoal do centro e do persoal técnico da UNED para que o sistema de exames funcionase á perfección, como sucede sempre ao utilizar a Valija Virtual, aplicación exclusiva da nosa universidade para realizar miles de exames ao mesmo tempo en todo o mundo.
A próxima convocatoria de probas presenciais será na semana do 19 de maio e na do 2 de xuño.