Ante o importante retraso nas obras de conexión entre as estradas N-120 e N-536, Carme da Silva pide a Transportes coñecer as causas e coñecer o novo calendario
“Esta infraestrutura é chave para evitar que os vehículos pesados pasen polo centro da localidade do Barco o que melloraría a seguranza viaria” sinala a senadora do BNG
Madrid, 12 de febreiro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego rexistra iniciativas nas Cortes do Estado para demandar ao Ministerio de Transportes a axilización das obras para a execución da circunvalación de Valdeorras. A senadora do BNG, Carme da Silva, pide coñecer o novo calendario previsto polo Ministerio ante o evidente retraso que sofre esta infraestrutura chave para a mobilidade diaria na localidade valdeorresa e mellora da seguranza viaria, tendo en conta que evitaría o paso dos vehículo pesados polo centro do Barco de Valdeorras.
En 2019, o denominado por aquel entón como Ministerio de Fomento anunciou o inicio das obras de conexión entre as estradas N-120 e a N-536, entre Sobradelo e O Barco de Valdeorras cunha lonxitude de 5,6 quilómetros e cunha duración previsíbel de 36 meses. Esta circunvalación evitaría o paso dos vehículos pesados procedentes das canteiras de pizarra polo centro da poboación e para que sirva de variante.
“A execución destas obras -que se planificou en catro partes a comezar polo viaduto do río Sil, a do arroio Cigüeño, a rotonda da N-120 e o túnel do Serro- sofren unha significativa demora. A pesar do inicio das obras, a veciñanza da zona constata que as obras levan meses paralizadas nos últimos tres tramos e quéixanse das molestias ocasionadas por estas obras” lamenta a senadora do BNG.
Ante esta situación, Carme da Silva solicita información ao Ministerio de Transportes para coñecer a que se deba o importante retraso que se rexistra na execución das obras de conexión entre as estradas N-120 e N-536, entre Sobradelo e O Barco de Valdeorras para a denominada circunvalación de Valdeorras. Por outra parte, demanda información sobre o estado das actuación nas catro fases planificadas e o novo calendario previsto polo Ministerio para completar esta infraestrutura.
“Esta infraestrutura, coñecida como a circunvalación de Valdeorras, é chave e estratéxica porque mellorarían as características de trazado da N-536, mellorarían a seguranza viarias e as comunicacións en toda a comarca de Valdeorras” sinala Carme da Silva.