O Cine Club Carballiño preséntanos nesta fin de semana unha programación dobre, con proxeccións hoxe, venres, 14 de febreiro, e tamén o domingo, día 16. Deste xeito, no Auditorio Manuel María ofrécense hoxe dúas sesións, ás 20,00 horas (dobrada ao castelán) e ás 22,30 horas (VOS), da película “As fillas do califato”, ópera prima de Mareike Engelhardt. O argumento cóntanos que, impulsada pola promesa dunha nova vida, Jessica, unha rapaza francesa, viaxa a Siria para unirse ao Daesh. Na cidade de Raqa é acollida nunha casa onde mulleres de todo o mundo agardan converterse nas esposas dos combatentes.
Jessica gaña a confianza de Madame, a carismática e temida directora do centro, quen exerce unha fascinante e perigosa influencia sobre ela. Esta relación, marcada pola submisión e o control, empurran a Jessica máis alá dos seus propios límites, enfrontándose a unha realidade cada vez máis escura. Un debut contundente que analiza o fenómeno da radicalización e conta cunha soberbia actuación de Megan Northam, nominada á mellor actriz revelación nos premios Cesar da Academia Francesa.
E o domingo, día 16, ás 19,00 horas, Cine Club Carballiño proxectará en VOS a última película do director iraní Jafar Panahi, “Os osos non existen”, gañadora do Premio Especial do Xurado no Festival de Venecia. Un drama romántico centrado en dúas historias de amor paralelas enfrontadas a múltiples obstáculos. Esta película está dentro da sección ‘Filmoteca’, polo que as entradas será a 3 euros, e a función tamén terá lugar no Auditorio Manuel María.