A Banda da Loba presenta “Lovismo” en concerto este sábado 22 no Auditorio do Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Banda da Loba (ABDL) liberará no Carballiño todo o amor do seu último disco, “Lovismo”, nun concerto no Auditorio Municipal este sábado, 22 de febreiro. As entradas aínda están á venda na web de vivetix.com e tamén será posible adquirilas unha hora antes do evento na propia billeteira do Auditorio. O concerto, que conta coa colaboración do Concello do Carballiño, comezará ás 20,00 horas e a apertura de portas está prevista para ás 19,30 horas.


ABDL recalan en Ourense logo de amosar o seu vibrante directo en Santiago de Compostela e mais na Coruña e chegan ilusionadas por actuar nunha das terras na que se sabe que estivo Pepa a Loba. Prometen, ademais, un concerto cheo de sorpresas no que actuará, entre outras, a cantante carballiñesa Noemí Duro, coñecida polo seu paso polos concursos ‘Pequenos fenómenos’ e ‘Idol Kids’, e a bailarina Fabiana Taboada do videoclip “Lova”.

“Lovismo” supón o regreso de ABDL aos escenarios logo dun ano lonxe deles para materializar este traballo, o quinto do grupo, composto por once temas que teñen como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso…― e que leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL. Nel conflúen diferentes estilos, desde a bachata ata o pop pasando pola música disco e reivindícase a inspiración literaria da que fan gala desde o seus inicios as compoñentes do grupo. Conta, ademais, con colaboracións doutros artistas: De Vacas, Terrae, Tomé Mouriño (De Ninghures) e os músicos Adrián Real, Lara Porto, Cristóbal Fernández e Diego Suárez, responsables dos instrumentos de vento do disco.

A Banda da Loba irrompeu na escena musical galega con “Bailando as rúas” (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían “Fábrica de luz” e no 2021 estrearon “Hasme oír”, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega.

Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de “Xabón Lagarta”, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. Este 2025 están a desenvolver unha intensa xira de presentación de “Lovismo”. Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.