O campo municipal de Espiñedo acolle mañá, dende as 17,00 horas, o partido entre Club Deportivo Arenteiro e o Barakaldo C.F. que fora aprazado no mes de xaneiro por causa do temporal e que supón para os verdes o segundo consecutivo no seu campo, tras derrotar o pasado sábado ao Tarazona por 2-1 na xornada 24ª da Primeira RFEF. Un resultado que colocou aos de Raúl Jardiel no 6º posto da táboa clasificatoria con 35 puntos, a tan só un do conxunto biscaíno, que é 5º, e a dous do Nàstic e da Ponferradina, 4º e 3º, respectivamente. Elo supón que un triunfo do equipo do Carballiño sumaría os tres puntos necesarios para poñerse na terceira posición da clasificación, por baixo do líder, a Cultural Leonesa, e da Real Sociedade B, que disponen dunha renda de 48 e 40 puntos.
Asemade, a directiva do clube informou que este partido será de entrada gratuíta para todos os afeccionados, de xeito que os socios e socias poderán acceder ao estadio pola porta correspondente ao seu abono, e as persoas que xa adquiriron a súa entrada para este partido con anterioridade poderán canxeala para o encontro fronte ao Sestao River en Espiñedo ou, se así o desexan, solicitar a devolución do importe da mesma.
Por cuestións de aforo, as entradas gratuítas deberán ser recollidas na oficina do club en horario de 10,00 a 13,00 horas e de 17,00 a 20,00 horas, ou na taquilla o propio día do partido (mañá) a partir das 15,00 horas. Dende a directiva apúntase que “deste xeito, aseguramos que todos os afeccionados poidan desfrutar do partido de forma segura e organizada”.
O Barakaldo vén de perder, o pasado sábado, no seu campo de Lasesarre, fronte ao F.C. Andorra (2-3), grazas a un gol que marcaron os visitantes no minuto 93. O Arenteiro desprazarase a vindeira fin de semana ata terras catalanas para enfrontarse o domingo, día 23, dende as 12,00 horas e no estadio Johan Cruyff ao Barça B, que vén de perder en Zamora (1-0) e que ocupa a antepenúltima posición na clasificación con 25 puntos.