A Xunta de Galicia acaba de emitir o informe ambiental estratéxico (IAE) correspondente ao Plan básico municipal (PBM) do concello ourensán de San Amaro. Deste xeito, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade pon fin á avaliación ambiental estratéxica simplificada do referido plan e conclúe, tras analizar a documentación presentada polo promotor e tendo en conta as consultas realizadas no marco do procedemento, que o PBM de San Amaro non terá efectos ambientais significativos no medio ambiente aínda que deberán atenderse unha serie de condicións.
O documento poderá seguir agora coa súa tramitación para dotar ao concello ourensán, que carece actualmente de plan de ordenación urbanística, dun instrumento propio no que se delimiten os núcleos rurais existentes e os terreos que reúnan os requisitos exixidos para ser clasificados como solo urbano consolidado. Con tal fin, o IAE remitirase á Dirección Xeral de Urbanismo e farase público proximamente a través do Diario Oficial de Galicia e do portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Dende a Xunta lembran que os PBM son instrumentos de ordenación urbanística pensados especificamente para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento xeral, como é o caso, poidan desenvolver certa actividade urbanística sen establecer criterios de crecemento urbano.