O delegado territorial da Xunta desprazouse esta mañá ao centro educativo para supervisar a nova cabina de pintado de vehículos
- Manuel Pardo supervisou o remate das obras para dotar dunha cabina de pintado de vehículos para o ciclo formativo de Automoción, nas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades investiu preto de 45.000 euros
- O delegado territorial lembrou que, ademais deste ciclo, neste centro impártese o de Aceites de oliva e viños e Hixiene bucodental, todos eles grazas á implicación das diferentes empresas locais ás que agradeceu a súa colaboración
- O representante do Goberno galego fixo fincapé no modelo innovador da FP galega, que conta ademais cunha taxa de inserción laboral que supera o 80% en case todas as familias profesionais
Ourense, 19 de febreiro de 2025. – O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao IES García Barbón, en Verín para supervisar o remate das obras realizadas para dotar dunha cabina de pintado de vehículos para o ciclo formativo de Automoción, nas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades investiu preto de 45.000 euros.
O delegado territorial explicou que esta actuación está enmarcada no Plan de nova arquitectura pedagóxica no que inclúense case 2.700 actuacións en toda Galicia para mellorar as instalacións de escolas, colexios, institutos, centros integrados de FP e conservatorios dependentes do Executivo autonómico.
Manuel Pardo lembrou que, ademais deste ciclo, neste centro impártese o de Aceites de oliva e viños e Hixiene bucodental, todos eles grazas á implicación das diferentes empresas locais ás que agradeceu a súa colaboración. Deste xeito, destacou o delegado territorial, que “despois de analizar as necesidades do tecido produtivo da zona a Xunta deseñou unha oferta de ciclos e másteres de FP que permite darlle resposta ás demandas das empresas e, deste xeito, mellorar a empregabilidade dos titulados”.
O representante do Goberno galego fixo fincapé no modelo innovador da FP galega, que conta ademais cunha taxa de inserción laboral que supera o 80% en case todas as familias profesionais. “Nos últimos anos estas ensinanzas convertéronse nunha opción preferente non só para moitos mozos, senón tamén para moitas persoas traballadoras que queren recualificarse e mellorar as súas perspectivas profesionais”, sentenciou Manuel Pardo.
O delegado territorial xustificou que esta actuación no IES García Barbón, vén motivada pola necesidade desta infraestrutura para o alumnado do segundo curso do ciclo superior de automoción. Tamén explicou que as dimensións do actual taller non permitían a súa instalación no interior do mesmo, polo que foi necesaria a construción de dita cabina nun espazo exterior, anexo ao taller.
As obras
As actuacións consistiron na construción dunha soleira nivelada con foso baixo para a recirculación do aire; na colocación de paredes e teitos con paneis metálicos tipo sándwich de 40 milímetros; na instalación eléctrica trifásica dende o cadro do centro escolar ao da cabina; e na dotación dun depósito exterior de gasóleo de 500 litros na zona traseira da cabina.