O Parlamento galego pide ao Goberno central que adapte os contratos da Lei da cadea alimentaria ás condicións particulares do sector cárnico galego

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra do PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que flexibilice e adapte os contratos da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria ás condicións peculiares do sector cárnico galego. Juan Casares, deputado popular pola provincia de Ourense, lembrou que a Lei de cadea alimentaria “foi un paso crucial cara unha cadea alimentaria máis xusta e transparente, xa que fortaleceu a posición dos operadores máis vulnerables e promoveu as relacións comerciais equitativas no sector”.

Porén, Casares manifestou que o Goberno central “pode na actualidade implementar certos cambios que flexibilicen os termos da contratación alimentaria co fin de adaptarse á realidade cotiá e ás condicións peculiares do sector cárnico galego”. En concreto, o deputado do Partido Popular demandou incrementar o monto mínimo establecido para a obrigatoriedade de formalizar o contrato por escrito en todas as operacións comerciais, que agora se sitúa en 1.000 euros, algo que permitiría flexibilizar o mercado de becerros; e aumentar o período obrigatorio a cumprir para a gravación dos contratos no Rexistro dixital de contratos alimentarios, xa que moitos dos tratantes que operan neste sector teñen serias dificultades para adaptarse á novas tecnoloxías.

Juan Casares tamén propuxo reforza-la parte do Observatorio da cadea alimentaria que se dedica ao sector cárnico, dotándoo de índices de referencia de prezos e calidades aos que os axentes do sector se poidan acoller; así como incrementar os controis da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), para desenvolver un control exhaustivo dos prezos pagados, os tempos de cobro e os abusos de calquera natureza nas relacións comerciais.

O deputado popular cualificou de “estratéxico para a economía rural” o sector cárnico galego, xa que achega o 34,5 por cento do valor da produción final agraria e conta con máis de 40.000 explotacións e preto de 200 industrias de transformación que empregan a máis de 4.500 traballadores a tempo completo.

“Ademais, a súa importancia social e económica supera o que reflicten estas cifras, xa que o sector cárnico contribúe tanto ao mantemento da poboación rural como da superficie agraria utilizada, aspectos fundamentais para a sostibilidade tanto social como medioambiental ou económica do campo galego”, rematou Juan Casares.