O PSdeG-PSOE de Leiro vén de presentar un escrito dirixido a Consellería de Vivenda e Infraestruturas para que de forma “urxente” proceda a regular e solucionar o problema do alumeado da ponte da Esperela na OU-209. As e os socialistas denuncian que as obras levadas a cabo con financiamento da Xunta de Galicia presentan “graves” carencias en materia de iluminación, xa que tal e como apuntan “as luces cegan aos condutores pola noite, restándolles visibilidade”. Dende o grupo municipal socialista explican que nas últimas semanas “foron moitos os veciños e as veciñas que nos trasladaron as súas queixas polo pésimo estado no que quedou a iluminación da ponte da Esperela tralas obras executadas con financiamento por parte da Xunta”.
Tal e como indican as e os socialistas “as luces cegan aos condutores pola noite, reducindo a visibilidade e pondo en perigo a seguridade viaria”. Os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, e Pedro José González, reclaman solucións “urxentes”, ante unha situación que consideran de “extrema gravidade”. Tal e como subliñan os edís socialistas “os focos cegan aos condutores e xa houbo algún accidente de tráfico por este motivo, concretamente o pasado 28 de decembro, escasos días despois da inauguración da obra”. Rodríguez e González consideran que a consellería de vivenda e planificación de infraestruturas debe “por solución a esta problemática, co fin de garantir a seguridade viaria e de evitar futuros accidentes.
A nova iluminación ornamental da Ponte da Esperela de Leiro foi inaugurada o pasado 12 de decembro cun investimento de máis de 360.000 euros aportado pola Consellería de Vivenda e Infraestructuras. O proxecto consistiu na dotación á ponte dunha nova iluminación nos seus alzados e na calzada, e tamén se renovou o pavimento da propia estrada OU-209 sobre a ponte, tras uns traballos que se prolongaron durante varios meses. Ao respecto, dende o PSOE de Leiro lembran que as obras da ponte da Esperela “xa supuxeron importantes contratempos para a veciñanza e os negocios, tras estar pechado este acceso principal ao municipio durante moitos meses, e coincidindo co verán”.