O ‘Xoves de Compadres’ abre mañá as celebracións do Entroido en Ribadavia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribadavia celebra mañá, 20 de febreiro, o xa tradicional  ‘Xoves de Compadres’, que chega a súa 11ª edición cunha festa que promete moita troula e que servirá para inaugurar as celebracións do Entroido. A xornada comezará a partir das 19,00 horas no café bar Rogelio, co acompañamento da charanga Bandiños Band ata a Praza Maior. A cea está prevista dende ás 22,00 horas no Restaurante Plaza, con produto autóctono e viño do Ribeiro.  O postre e a festa co mellor ambiente terán lugar a continuación no en MVP Pub. As reservas para este Xoves de Compadres pódense efectuar nos locais Huella, Bajo, Meu, MVP, Tubular, Aljama, Kopa e Berlín. 

Unhas actividades deste ‘Entroido 2025’ para tódolos públicos que se extenderán ata o 8 de marzo. Entre os eventos máis destacados deste ano atópanse o tradicional ‘Xantar popular’ do Martes de Entroido’ e o ‘Gran Desfile’ de comparsas, charangas e carrozas do Domingo de Entroido. O Xantar Popular, que terá lugar o martes 4 de marzo ás 14,30 horas na Alameda de Ribadavia, é un dos momentos máis agardados das festas. Os asistentes poderán gozar dun menú tradicional composto por empanadas artesanais de carne e atún, cocido galego con tenreira, orella, cachucha, lacón, touciño, chourizo, patacas, repolo e garavanzos, ademais de sobremesas con bica e melindres.

Todo isto maridado con viño do Ribeiro, ademais de café e chupitos. Tamén haberá un menú especial para os máis pequenos. As entradas poden adquirirse na Casa da Cultura ata o mércores 26 de febreiro, cun prezo de 25€ para adultos e 14€ para nenos ata os 10 anos. Recoméndase acudir disfrazado para vivir o espírito do Entroido ao máximo. “O martes do Xantar Popular contaremos ademais cun paiaso para amenizar a festa aos máis pequenos e tamén co grupo Louband, que de seguro nos fará desfrutar e bailar a todos nunha marabillosa tarde de Entroido”, apunta a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, sobre este xantar que servirá para xuntar a veciños e veciñas arredor da mesa.


Por outra banda, o Gran Desfile de Entroido do domingo 2 de marzo será un dos actos centrais da festa. As comparsas, charangas e carrozas percorrerán as rúas de Ribadavia desde o Instituto ata a Praza Maior a partir das 17,30 horas, nun espectáculo cheo de música, cor e ledicia. A animación correrá a cargo de Sorcha e Tabaleiros da Istoria, garantindo un ambiente festivo para todos os asistentes. “Non só contaremos con comparsas e charangas locais, tamén chegadas dende outros puntos da provincia e incluso alén delas”, indica a concelleira, Yolanda Gómez, que ademais engade que “adoita ser un desfile moi vistoso e animado. Convidamos a todos e todas as que queiran participar tamén a que o fagan, o prazo para apuntarse aínda está aberto” aproveita para animar a unirse a esta festa. As bases para participar no desfile están expostas na páxina web do Concello de Ribadavia.

Ademais destas actividades, o Entroido de Ribadavia incluirá desfiles escolares, festas infantís, concertos e animación nas rúas, convertendo a vila nun punto de referencia destas festas tradicionais. O Concello de Ribadavia convida a toda a cidadanía e visitantes a participar activamente neste Entroido 2025, unha celebración que une tradición e diversión para todas as idades.