Piden, despois da receptividade amosada a unha demanda do grupo do PSdeG, que tamén se dea marcha atrás e sexa convocado o Consello Municipal de Igualdade para abordar e debater as actividades do 8M
“Tamén se nos comunicou que non haberá actividades de conciliación nos centros cívicos en periodos non lectivos e isto prexudica, sobre todo, as mulleres con menos recursos económicos que terán que recurrir a outras opcións”, rematou lembrando a tamén secretaria xeral do partido en Ourense, Natalia González
Ourense, 19 de febreiro de 2025. Dende o grupo municipal socialista agradecen que o goberno do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recuase na súa decisión de eliminar da programación do entroido deste ano a tradicional loita de mecos que se organizaba coa cativada dos distintos colexios da cidade para celebrar o xoves de comadres.
Logo dos argumentos ofrecidos pola edil responsable nas Xuntas de Área que tiveron lugar onte no Concello de Ourense, as e os socialistas volveron a insistir ao executivo ante o descontento amosado tamén pola comunidade educativa que debería limitar a actividade aos patios dos colexios. “Alegrámonos de que cambiasen de opinión e non se escusen na organización dos talleres de máscaras para fulminar a loita de mecos, como afirmaron. Porque entendemos que as tradicións non son excluintes e que ambas promoven a nosa cultura de entroido entre o alumnado”, defende a voceira do PSdeG, Natalia González.
Neste senso, a portavoz no Concello reclama ao goberno de Democracia Orensana que tamén dea marcha atrás na súa decisión de non convocar o Consello Municipal de Igualdade para abordar con todos os grupos políticos a programación e actividades institucionais para conmemorar o 8M.
“A xornada de onte resultou funesta para o feminismo e a igualdade na cidade porque se nos informou de que non se terían en conta as aportacións que estimasemos oportunas facer, ao estar a programación do 8M prácticamente pechada, e que non se convocaría o CMI nin sequera para ofecer información ou dar explicacións ao respecto da mesma”, continúa sinalando a socialista.
“Tamén se nos comunicou que non haberá actividades de conciliación nos centros cívicos en periodos non lectivos e isto prexudica, sobre todo, as mulleres con menos recursos económicos que terán que recurrir a outras opcións”, rematou lembrando a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.
Enviamos enlace ao audio con declaracións da portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González:
https://drive.google.com/file/d/1XXDl0e6EviP4FL2e0YtmEhGttIk27aNL/view?usp=sharing