O Concello de Piñor, en colaboración coa Deputación de Ourense, realíza un convenio para levar a cabo durante o ano 2025 unha nova edición do Programa Termal contra a soidade non desexada. Poderán participar as persoas empadroadas no Concello de Piñor que cumpran os seguintes requisitos (recollidos no BOP do pasado 27 de Xaneiro): ser maior de 50 anos; non padecer enfermidade ou contraindicación médica; ser persoas válidas para as actividades da vida diaria e ter asinada a solicitude a través do Concello de Piñor.
As persoas que se inscriban no programa poderán acceder un día á semana ó Balneario das Caldas de Partovia do Carballiño para recibir terapias en grupos. Incluirán o acceso a servizos termais que se complementarán con actividades grupais de diferente natureza, que aúnen a experiencia social cos beneficios da auga mineromedicinal e coa finalidade de diminución da soidade non desexada.
O programa ten sete meses de duración, cun custe de 34 euros/mes por persoa, dará comezo o vindeiro 10 de marzo e a súa finalización está prevista para o mes de novembro. As persoas interesadas poden solicitar máis información no departamento de Servizos Sociais do Concello de Piñor e no teléfono 988403236.