O Concello de Ribadavia convoca o concurso de debuxo infantil “Debuxa Igualdade” polo Día Internacional da Muller

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Co gallo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Ribadavia impulsa o concurso de debuxo infantil “Debuxa Igualdade” co obxectivo de sensibilizar á cidadanía máis nova sobre a importancia da igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade. A iniciativa está dirixida ao alumnado de Educación Primaria dos centros de ensino do municipio, establecéndose tres categorías segundo os cursos: categoría A para os cursos 1º e 2º; categoría B para 3º e 4º, e categoría C para 5º e 6º. Os participantes deberán elaborar un debuxo en soporte cartolina ou folio (mínimo DIN A4, máximo DIN A3) con total liberdade técnica. A temática xirará arredor da igualdade entre mulleres e homes, podendo representar situacións no ámbito familiar, social, laboral, educativo ou deportivo. Ademais, os traballos poden incluír un eslogan ou lema.

Os debuxos deberán entregarse nos centros de ensino ata o 17 de marzo (inclusive), data na que serán recollidos polo persoal do Concello. O fallo do xurado darase a coñecer o vindeiro 19 de marzo a través dos medios habituais (web e redes sociais do Concello). Haberá un premio por categoría, consistente nun vale de 80 euros para gastar en librarías de Ribadavia.

O xurado estará conformado por persoal do Concello e profesorado dos centros educativos. Os traballos gañadores poderán ser expostos ou utilizados en materiais e eventos organizados polo Concello. Con esta iniciativa, o Concello de Ribadavia promove a igualdade de xénero e a educación en valores entre os máis pequenos e en colaboración cos centros educativos, fomentando dende as idades máis temperás sobre un modelo de convivencia e sociedade xusto e igualitario.