A comisión seleccionadora das empresas que optan a xestión do ciclo integral da auga no Carballiño quedou reducida a cinco integrantes, tra-la renuncia dun dos técnicos nomeados pola Deputación Provincial, Javier Bobe, se ben os informes xurídicos solicitados polo propio Concello validan a compatibilidade co cargo de conselleiro de Aquaourense, que fora cuestionada polo grupo municipal de Espazo Común. Sen embargo, a denominada ‘mesa da auga’, que deberá decidir a concesión entre un total de nove empresas (entre elas Viaqua, socia da Deputación en Aquaourense) manterá o seu ritmo de traballo e procederá a abrir en breve as últimas plicas, según confirmaron en rolda de prensa o alcalde, Francisco Fumega, e o tenente de alcalde, José Castro-Gil.
Ao respecto, o propio Castro-Gil destacou que a adxudicación da xestión do ciclo integral da auga “é unha cousa de vital importancia para O Carballiño”, xa que representa unha concesión dun montante de 60 millóns de euros nos vindeiros 20 anos e cun investimento importante de 7 millóns en obras. Referíuse a teima do voceiro de Espazo Común, Manuel Vázquez, “por estar presente na mesa, pero eu tentei dende o primeiro momento que non estivera”, dando deste xeito entrada a tres técnicos do Concello (secretaria, interventor e tesoureira) e outros tantos da Deputación (asesora xurídica e os xefes dos servizos de Augas e Medio Ambiente) que foron nomeados pola instituación provincial.
E ante as dúbidas expresadas por Espazo Común sobre o posible conflicto de intereses dun destes nomeamentos, concretamente, o de Javier Bobe, xefe do servizo de Medio Ambiente, o goberno municipal solicitou sendos informes xurídicos á secretaría do Concello e á propia Deputación. Según se vén de recoller nestes informes, non existe incompatibilidade do devandito técnico ao estar na mesa de contratación, xa que en Aquaourense representa como conselleiro á Deputación e non ten vencellamento algún con Viaqua, tal e como asegurou o tenente de alcalde do Carballiño.
Pola súa banda, Francisco Fumega subliñou que Javier Bobe presentou a súa renuncia en base a que “unha parte da Corporación cuestiona a súa presenza na mesa de contratación e que existe unha apariencia de conflicto de intereses que non debe afectar á transparencia e pulcritude de todo o proceso administrativo”. Engadíu que “por iso admitimos a súa renuncia, a pesares de que nós preferíamos que sí estivese”, e que a comisión manterase cos cinco integrantes restantes, que xa abriron as plicas A e B que presentaron as empresas concursantes e próximamente abrirá a C, que xa é a última e definitiva para a avaliación. Fumega coincidiu con Castro-Gil na importancia desta adxudicación “para que O Carballiño avance pese que alguns tratan de impedilo”.