Ribadavia acondicionará a estrada de A Veiga para mellorar as comunicacións con Carballeda de Avia e Beade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribadavia actuará sobre un camiño en San Cristovo de Regodeigón, máis coñecido como a “estrada da Veiga”. Unha actuación clave para mellorar o acceso a este núcleo rural. O proxecto, que conta cun orzamento de 225.638,84 euros, é sufragado grazas aos fondos do Plan CooperOU da Deputación de Ourense. As obras teñen un prazo de execución de tres meses e buscan reforzar a infraestrutura viaria na zona.

O camiño, que actualmente presenta un firme deteriorado, será rehabilitado cunha base de grava e varias capas de aglomerado en quente, garantindo así unha maior durabilidade e seguridade para os veciños. Ademais, levarase a cabo a instalación dun sistema de drenaxe con novas canalizacións e pozos de rexistro para mellorar a evacuación da auga pluvial.
Trátase dun arranxo altamente demandado pola multitude de usuarios e usuarias que empregan de forma cotidiá esta estrada que, pese a ser secundaria, ten un gran volume de circulación. Este tramo non só serve para unir os núcleos de San Cristovo (Ribadavia) e A Veiga (Carballeda de Avia), senón que tamén forma parte do traxecto que une Regadas (Beade) coa capital do Ribeiro.

O núcleo ribadaviense afectado, San Cristovo, ten máis de 200 habitantes, o que se une ao feito de ser unha zona de tránsito entre diferentes localidades e mesmo municipios e, tamén, unha estrada empregada para acceder a zona de viñedo. Todas estas circunstancias fan que o trazado teña tanto uso como necesidade de intervención. Así que froito da escoita entre a veciñanza, o Concello de Ribadavia comprometeuse ao seu arranxo co obxectivo de facilitar o acceso e a mobilidade nas zonas rurais do municipio.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou a importancia desta obra para os veciños de San Cristovo de Regodeigón, sinalando que desde o goberno local seguen “traballando para mellorar as infraestruturas viarias do noso municipio, garantindo unha mobilidade máis segura e eficiente. As obras de mellora da estrada da Veiga eran unha demanda reiterada da veciñanza, e hoxe podemos dicir que estamos en disposición de cumprir con ese compromiso grazas ao financiamento do plan de cooperación da Deputación de Ourense” comenta César Fernández.

“Esta actuación -engade- permitirá renovar o firme, mellorar a drenaxe e incrementar a seguridade viaria, tanto para condutores como para peóns. Ademais, tamén estudamos novas actuacións complementarias que garantan o bo estado desta vía a longo prazo, e que melloren os servizos públicos nesta zona”, informa o alcalde.

Con esta iniciativa, Ribadavia continúa avanzando no seu obxectivo de mellorar as infraestruturas municipais e garantir un mellor acceso a todos os seus núcleos de poboación. “Seguimos a desenvolver o plan de mellora de infraestruturas de titularidade municipal, reafirmamos o noso compromiso de seguir traballando por unha Ribadavia con mellores infraestruturas e servizos”, conclúe o rexedor.