O grupo municipal de Ribeiro en Común califica de “chapuza” a mala xestión do alcalde de Ribadavia, César Fernández, e da súa concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, no proceso de selección para o nomeamento dunha nova dirección da Mostra Internacional de Teatro (MIT), que quedou vacante tra-la renuncia de Roberto Pascual, responsable durante 15 anos do festival. “Un proceso para elixir unha nova dirección que chega moi tarde, unha mesa de contratación na que se retrasaron os propios prazos que estipulaban as bases, e non se resolverá ata a semana que vén”, apuntan dende Ribeiro en Común. E engaden que, “por riba, o orzamento para a nova dirección mantense baixo, sen melloralo despois de tantos anos”.
Asemade, esta formación política apunta que “non se asegurou a participación de candidaturas no proceso, por exemplo, a través de convites a persoas do teatro, e tampouco houbo unha interlocución mínima co sector cultural e do teatro galego. Unha falta de preocupación e xestión do goberno local que leva a ter só a ter tres candidaturas para decidir a nova dirección dun evento tan importante”. En consecuencia, dende Ribeiro en Común subliñan que o goberno de César Fernández “non ten nada feito para a MIT 2025”, e que tampouco se fixeron públicas as bases do Premio Abrente de Textos Teatrais, “que se aprobaban sempre no mes de xaneiro”.
Por todo isto, manifestan “a nosa preocupación pola MIT 2025, e esiximos que o goberno comece a tomar en serio o principal evento cultural de Ribadavia, un legado no cal moitos homes e mulleres, e nomeadamente as persoas da súa dirección, deron todo para facer da Mostra un dos principais eventos da cultura galega, e situaron a Ribadavia como a capital galega do teatro”.
Conclúen que “a nova dirección de seguro pode ser abordada por unha moi boa nova equipa, estamos seguros diso, e desexámoslle o mellor e a nosa total colaboración, mais o que é incuestionable é que o tempo que o goberno lle deixa para traballar nesta edición 2025 é mínimo”.