Eladio Santos analiza con AEVA e o CCA O Barco as axudas a pequenas empresas ofertadas polo Goberno de España para incentivar a contratación

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • O SEPE destina 13 M€ a Galicia para fomentar a contratación dos colectivos máis vulnerables, como as mulleres, persoas mozas, parados de longa duración, maiores de 52 anos, emigrantes retornados, estranxeiros e persoas con discapacidade
  • O subdelegado tamén repasou con eles as actividades subvencionables mediante os programas Kit Dixital e Kit Consulting

Ourense, 21 de febreiro de 2025.- O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reuniuse esta mañá con representantes da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e do Centro Comercial Aberto O Barco para informalos das recentes axudas do Goberno de España para o fomento da actividade económica das pequenas empresas, a través das posta en marcha de incentivos para a contratación.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Ministerio de Traballo e Economía social, a través do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), destina a Galicia 13 millóns de euros para incentivar a contratación das pequenas empresas de colectivos específicos, como parados de longa duración, maiores de 52 anos, mulleres, persoas con discapacidade, xente nova, emigrantes retornados ou estranxeiros. Estas axudas tamén buscan o incremento da xornada pola que se  realiza a contratación, o aumento da duración dos contratos e a creación de postos adaptados a persoas con discapacidade. A cantidade achegada polo Ministerio supón o 70% do total das axudas, que se complementa cun 30% da Comunidade Autónoma.

Kit Dixital e Kit Consulting

A estas liñas de subvencións súmanse os actuais programas Kit Dixital e Kit Consulting, que facilitan a pequenas empresas axuda económica destinada á súa dixitalización.

Por unha banda, o Kit Dixital está dirixido a tres tipos de empresas, que van dos cero aos 50 empregados, na procura da mellora da súa competitividade mediante solucións dixitais como a presenza en Internet, xestión das redes sociais e clientes, comercio electrónico ou ciberseguridade.

As axudas máximas oscilan entre os 2.000 e os 12.000 euros por entidade, en función do número de empregados.

No caso do Kit Consulting, o seu obxectivo é prestar unha axuda económica destinada á contratación de asesoramento dixital en materias como a intelixencia artificial, análise de datos, ventas dixitais, estratexia de negocio, ciberseguridade ou asesoramento 360.

Os beneficiarios poden obter unha contía que ascenda ata os 12.000 euros, no caso de empresas con entre 10 e 50 empregados;  ata 18.000 euros, as que teñen de 50 a 100; e ata 24.000 euros, as entidades con entre 100 e 250 traballadores.

Estas dúas iniciativas supuxeron polo momento unha achega de 3.067 M€ no caso do Kit Dixital e outros 104 M€ do Kit Consulting, procedentes de fondos europeos, xestionados polo Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública.

Ademais, o subdelegado aproveitou a xuntanza para recoller as inquedanzas e suxestións de AEVA en canto ao seu funcionamento, “xa que se trata dunha pequena asociación empresarial con problemas de sustentabilidade económica, polo que é importante atopar liñas de financiación para o persoal e os recursos cos que contan para levar a cabo o asesoramento ás empresas da comarca”, explicou.

Así mesmo, tamén tomou nota dos problemas ocasionados pola burocracia na tramitación de subvencións,. “Tórnase complexo para a pequena empresa, que ás veces ve pasar moito tempo entre a convocatoria e o momento no que realmente consegue acceder á axuda”, lamentou Santos.

A esta reunión acudiron a presidenta e a xerente de AEVA, Araceli Fernández e Teresa García, e o presidente e a xerente do CCA O Barco, Jacobo Arias e Ángeles Vispo.