A localidade de San Cristovo de Cea converteuse onte nun punto de referencia gastronómico da comarca carballiñesa coa celebración da “I Ruta das estacións”, unha iniciativa da hostalería orientada a ofrecer a veciños e visitantes petiscos de cada tempada. Un total de cinco establecementos uníronse nesta primeira experiencia gastronómica, que obtivo unha boa resposta a nivel de afluencia tanto de veciños coma de visitantes que se achegaron ata a vila para probar as tapas elaboradas en cada un dos locais.
Dende as 19,30 ata as 21,30 horas, os clientes tiveron a oportunidade de degustar, a un módico prezo de 1,50 euros, as cinco propostas preparadas, respectivamente, en cada un dos establecementos participantes, e co acompañamento do tradicional pan da localidade. A Casa das Caretas apostou por ofrecer un lacón con grelos; Sol y Luna, unhas arepitas con revolto de zorza; Bar Plaza, unha tosta de cecina con aceite e allo; Bar Paxariño, unha orella de porco á galega, mentres que Kanela Drink decantouse por uns croquetons de cocido. que dará comezo ás 19,30 horas e se extenderá ata as 21,30 horas.
A esta ruta non faltou o alcalde do municipio, José Luis Valladares, que valorou esta iniciativa dos hostaleiros coma un excelente xeito de atraer visitantes “para que comproben as bondades do pobo de Cea e as súas xentes”. Un bó punto de partida para tentar de mellorar e facer máis atractiva esta proposta gastronómica, que conta coa colaboración e o apoio do Concello de San Cristovo de Cea, ao traverso da celebración dalgún tipo de sorteo e a implicación de empresas adicadas ao sector da hostalaría para conquerir patrocinios.