O Entroido 2025 en Ribadavia entra nos seus días grandes cunha axenda repleta de eventos e cunha enorme participación. A programación promete festa, música e tradición para veciños e visitantes. As actividades propias destas datas xa comezaron en Ribadavia o pasado 20 de febreiro cos compadres, comparsas do alumnado do Conservatorio Profesional e Escola Municipal de Música de Ribadavia. Outros desfiles que tamén terán lugar este venres serán os dos distintos centros educativos do concello. A troula con forza chega o sábado pola noite, da man do Grupo Assia, que actuará na Rúa do Progreso dende as 23,00 horas,
Unha das citas sinaladas é a deste domingo 2 de marzo, cando se celebrará un dos actos centrais destas datas, o Desfile de Entroido, que contará coa presenza de 20 grupos inscritos e arredor de 700 participantes. O desfile comezará ás 17,30 horas no Instituto e percorrerá as rúas da vila ata a Praza Maior. As comparsas e carrozas darán espectáculo para o público asistente. Ademais, o evento contará coas actuacións de Sorcha e Tabaleiros da Historia, que animan a xornada co seu repertorio festivo. O luns 3 de marzo será unha xornada pensada especialmente para os máis pequenos, coa Festa de Disfraces Infantil que terá lugar no Club Artístico ás 17,00 horas. Xa pola noite, a animación continuará cun Baile de Máscaras na Rúa Progreso, amenizado por Disco Móvil MVP, desde as 23,00 ata as 2,00 horas, proporcionando diversión para todos os asistentes.
O martes 4 de marzo será o día grande do Entroido en Ribadavia. O Xantar Popular, unha das citas máis esperadas, reunirá a máis de 150 persoas na Alameda a partir das 14,30 horas para compartir unha comida tradicional e festiva. O menú incluirá pratos típicos como empanadas, cocido e, para rematar, bica e melindres. Para os máis pequenos a organización conta cun menú infantil. Mais non só unha comida popular agarda na programación do Martes de Entroido en Ribadavia. A tarde tamén estará chea de entretemento e espectáculos para toda a familia. Ás 16,00 horas, os asistentes poderán gozar da actuación do divertido “Pallaso Popín” na Alameda, cun espectáculo cheo de humor e participación do público. Posteriormente, a música tomará protagonismo co concerto de Louband, previsto para as 17.00 horas, que de seguro farán bailar a todos os asistentes.
Aínda que non estea anunciado, en Ribadavia non podía pasar o Mércores de Cinza sen o tradicional Enterro da Sardiña que decorrerá no lugar e hora habituais. O Entroido en Ribadavia pecharase o 8 de marzo co “Sábado de Piñata” e a música da Charanga Bicoia.O Concello de Ribadavia convida a toda a veciñanza e visitantes a unirse a estes últimos días de festa, garantindo que este Entroido 2025 será lembrado como unha das edicións máis multitudinarias e cheas de diversión.