A Corporación Municipal de Ribadavia aprobou na sesión plenaria de hoxe o orzamento máis alto da súa historia, cun total de 6,5 millóns de euros. Esta cifra supón un incremento do 20% respecto ao 2024, e permite reforzar a aposta do goberno local polos investimentos, pero tamén por áreas fundamentais como a conciliación, a cultura, o deporte ou a dinamización da economía local. “Este orzamento marca un antes e un despois para Ribadavia. Poderemos reforzar servizos básicos, apoiar ás familias e apostar con forza polo futuro do noso concello”, resalta o alcalde, César Fernández.
Este é o segundo orzamento que elabora o actual grupo de goberno, que tomou posesión en xuño de 2023, pero o primeiro sen ataduras despois de ter avanzado de xeito notable durante o pasado exercicio tanto no saneamento das contas como no pago da débeda a provedores. Este traballo previo durante o 2024 tamén axuda a entender o carácter máis expansivo das contas municipais para este ano, cun capítulo inversor moito máis elevado que o do ano anterior. De feito, a partida adicada a investimentos alcanza cifra récord con máis de 1,4 millóns de euros. Esta é unha cantidade cinco veces superior á orzamentada o pasado ano (296.756 euros), o que, en palabras do rexedor, permitirá “avanzar en infraestruturas clave como a reforma do polideportivo ou a creación dun Punto de Atención á Infancia”.
Do mesmo xeito, increméntase o gasto en actividades sociais ou para o servizo de madrugadores, mentres que se manteñen as que sosteñen as axudas a persoas en situación de desemprego ou familias sen recursos, financiando os seus gastos en gas, luz, auga ou aluguer. “O noso obxectivo é claro: que Ribadavia sexa un concello con máis oportunidades para todos”, apunta Fernández. Por outra banda, a recente aprobación da primeira RPT (Relación de Postos de Traballo), que categoriza e ordena os empregos públicos do Concello, tamén ten un reflexo no orzamento, elevando o gasto de persoal un 8,7% ata os 3,2 millóns de euros. Este documento, a RPT, supón un paso histórico, pois o Concello de Ribadavia non contara nunca con esta ferramenta pese a que é obrigación legal para, a través dela, organizar as funcións da plantilla, evitar duplicidades e equilibrar as condicións laborais. O orzamento tamén dá conta da aposta do goberno local, en liña coa do ano pasado, polas políticas de conciliación ou de apoio e fomento da cultura, dos festexos e do deporte, con axudas directas a clubs e entidades tanto culturais como deportivas.
Así mesmo, o Concello de Ribadavia reafirma o seu apoio ao tecido comercial e a economía local con campañas de promoción, pero tamén con iniciativas pioneiras como o concurso recentemente convocado para que os propietarios do casco histórico e rúas anexas ofrezan ao Concello locais en réxime de aluguer por un ano. O obxectivo, que será implantado ao longo deste ano, é darlle unha nova vida como establecementos comerciais, expositores ou mesmo para a realización de actividades. Todo forma parte do Plan de Dinamización do Casco Histórico e da zona monumental da vila, que está igualmente incluído no orzamento do 2025. “En definitiva, presentamos unhas contas ambiciosas pero realistas, pensadas para mellorar a calidade de vida da veciñanza e sentar as bases dun crecemento sostible para Ribadavia”, resume o alcalde.