O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou nunha visita do conselleiro de Cultura ao Museo Galego do Entroido en Xinzo, onde se anunciou que a declaración deste recoñecemento será efectiva nos próximos días
Rosendo Fernández destaca o “orgullo” da Deputación ourensá por esta distinción outorgada “a unha das nosas manifestacións culturais e sociais máis relevantes”
Ourense, 27 de febreiro de 2025.
O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou na visita do conselleiro de Cultura, José López Campos, ao Museo Galego do Entroido, en Xinzo de Limia. Durante o encontro, o titular do departamento autonómico anunciou que a Xunta declarará “nos vindeiros días” o Entroido galego como Ben de Interese Cultural (BIC) do patrimonio inmaterial, a máxima protección patrimonial. Rosendo Fernández puxo en valor esta distinción dunha das tradicións máis “arraigadas en Galicia, con especial protagonismo en Ourense”, a través de Entroidos que contan con declaracións de interese galego, nacional e internacional.
“Dende a Deputación de Ourense amosamos o noso orgullo porque unha das nosas manifestacións culturais e sociais máis relevantes teña un recoñecemento máis”, sinala Fernández.
Na visita tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e os directores xerais de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, e de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
Os trámites para a distinción do Entroido como BIC comezaron en 2024. No expediente de recoñecemento sinálase que esta celebración “cumpre tódolos requisitos fixados no Plan nacional de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial”.