A maioría do comité de Ecourense decide desconvocar a folga en contra do mandato da asemblea de persoas traballadoras

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A CIG considera unha “traizón” o acordo “precociñado” entre o Concello, a empresa e os sindicatos STL, CCOO, CGT, USO e UGT

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 28 de febreiro de 2025.

A maioría do comité de empresa de Ecourense, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Ourense, decidiu hoxe desconvocar a folga indefinida en contra do mandato da asemblea de persoas traballadoras, que onte se expresara de xeito maioritario en contra da última proposta do Goberno local e da compañía. Dende a CIG cualifican de “traizón” un acordo “precociñado” entre o Concello, a empresa e os sindicatos STL, CCOO, CGT, USO e UGT que só garante a suba salarial do ano 2024.

O inicio do paro indefinido para reclamar un convenio colectivo digno estaba fixado para as 6:00 horas deste sábado, e seguía en pé despois de que arredor do 75% do persoal de Ecourense así o acordara na asemblea celebrada onte ao rexeitar a última proposta conxunta do Concello e da empresa.

Mais o comité de folga foi convocado a primeira hora de hoxe polo alcalde a participar nunha mediación, “na que para a nosa sorpresa tamén se presentou o xerente de Ecourense cun documento redactado que foi asinado como acordo definitivo polos sindicatos STL, CCOO, CGT, USO e UGT, que suman 5 representantes no comité, fronte aos 4 que ten a CIG”, explica o secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo.

Para o responsábel sindical non hai dúbida de que o acordo foi “precociñado” entre o Goberno local, a empresa e os cinco sindicatos non só de costas á central maioritaria no comité -a CIG- senón á propia asemblea de persoas traballadoras.  “Teño visto traizóns e vendidas sindicais moitas veces, pero que haxa un acordo expreso dunha asemblea e que ao día seguinte se vulnere deste xeito non ten nome”, denuncia Pérez Carballo.

Ademai, advirte de que se trata dun “acordo trampa”, tendo en conta que só garante o incremento salarial de 2024 (en base ao IPC do ano anterior). “A proposta da parte social era que se o convenio se estendía tamén a 2025, 2026 e 2027, ademais dos aumentos salariais conforme ao IPC que foi o que asinaron, tería que haber unha mellora dos trienios de antigüidade (conxelados dende hai tempo) e da xornada laboral (no sentido de ir eliminando os dous sábados que ten que traballar cada mes todo o persoal)”.

Pero o que se fixo foi asinar un acordo para 2024, e un preacordo para os restantes anos que se transformaría en acordo definitivo antes do 30 de xuño. “Esa é a clave, porque está previsto que en breve se publiquen os pregos de condicións do novo concurso de adxudicación do servizo e é moi factíbel que antes do 30 de xuño se faga cargo do servizo outra empresa; de xeito que pode dicir con toda a razón do mundo que non se sinte vinculada con ese preacordo porque non participou del e non o asinou”.

Para o máximo responsábel da CIG de Ourense isto condenaría o persoal a quedar sen convenio colectivo e a ter que volver a comezar “dende cero” o proceso de negociación. “Porque non hai seguridade xurídica algunha de que o preacordo poida ter validez”, lamenta.