O grupo municipal de Espazo Común vén de rexistrar no Concello do Carballiño un documento que inclúe 75 alegacións aos orzamentos para este ano 2025, entre as cales destacan a solicitude de aumento nas partidas de axudas para libros de texto, equipamento para o Grupo Municipal de Emerxencias, recursos para o rural, emerxencia social, a ampliación de Espiñedo, a creación de parques para mascotas e para a Casa da Xuventude. Tamén demandan que, asumindo que outro ano máis a meirande parte das subvencións van ser outorgados de xeito directo segundo o criterio dos do goberno, se inclúa a dous colectivos culturais que quedaron fóra por causas descoñecidas nos últimos anos como son Avantar e Pepa Loba.
Por outra banda, subliñan que o equipo de Espazo Común adicou un tempo que non adicaron os concelleiros do goberno para procurar que as partidas se axusten á realidade e ás necesidades do pobo do Carballiño. Ao respecto, citan coma exemplo a partida de gasto en luz, “que se mantén nos 400.000 euros que figuraban no orzamento do 2022 cando o gasto do 2024 foi superior a 700.000 euros. Despois non saen as contas e pasan a vida facendo modificacións de crédito”.
No apartado de reducción de partidas para compensar estes incrementos, os cinco concelleiros de Espazo Común tamén tiveron en consideración conceptos nos que na liquidación do 2024 pódese comprobar que non foron necesarias ou só se consumía unha pequena parte. En total, propoñen a modificación de case 450.000 euros, que, según o seu xuízo, “suporían unha mellora sustancial e a visibilización de proxectos pendentes que non poden agardar máis”. Dende esta formación política da oposición, agardan que “o bipartito PPSOE aproveite este período de alegacións e as posibilidades que ofrece para mellorar uns orzamentos tristes e que están a anos luz do que merece e precisa O Carballiño”.