O Carballiño vivirá mañá unha das xornadas senlleiras do Entroido coa celebración do gran desfile-concurso de comparsas, carrozas e charangas, que percorrerá pola tarde as principais rúas da vila con agrupacions chegadas dende diferentes puntos da xeografía de Galicia. Tra-los desfiles organizados con éxito o pasado sábado nas localidades de San Cristovo de Cea e O Irixo, e o que hoxe ten lugar na localidade de Maside, a cita carballiñesa do Martes de Entroido terá o seu punto de saída ás 17,00 horas dende a rúa Otero Pedrayo, continuando polas avenidas de Conde Vallellano e Julio Rodríguez Soto, con paso pola rotonda da Alameda, para seguir polas rúas Calvo Sotelo e Mosquera ata rematar na Praza Maior.
Entre as comparsas concursantes repiten varias do municipio do Carballiño coma Partovia, As Flores da Costa, Aspadisi, Entroula ou Lumareda, destacando tamén Maside, que contará con tres grupos representantes; San Amaro, a cidade de Ourense ou os gañadores da pasada edición do Irixo. Ademais de contar coas comparsas concursantes, o desfile terá tamén a presenza da batucada do CMUS do Carballiño, os incombustibles Liborianos ou os 100Tolos, comparsa espectáculo que conta con banda de música propia e chegan de Poio.
Serán en total 15 as comparsas que participarán no concurso organizado pola Concellería de Cultura, que está dotado cun total de oito premios de entre os 1.300 ata os 200 euros para as oito mellores agrupacións de disfraces, a criterio dun xurado integrado por representantes da Corporación, do sector comercial e dos colectivos culturais.
Asemade, as cinco primeiras premiadas recibirán un suplemento de 250 euros se aceptan participar no desfile previsto para o domingo, día 9, coincidindo coa ‘Festa da Cachucha’. Tamén se entregarán 12 accésits de 120 euros ás comparsas que non acaden un dos oitos premios consignados, e un xurado composto por delegados dos grupos do concurso otorgará tamén un premio especial de 300 euros á comparsa que consideren a mellor de todas.
Unha vez rematado o desfile, a troula do Entroido terá a súa continuidade dende as 19,00 horas cun gran baile na Praza Maior, que estará amenizado pola orquestra Alkar, no decurso do cal farase público o fallo do concurso. Xa para o vindeiro mércores, día 4, o ‘Enterro da Sardiña’ marcará un punto de inflexión nas actividades programadas polo Concello. Neste acto cobran especial protagonismo os integrantes do colectivo Aspadisi e do grupo de teatro Dar Trela, que escenificarán a comitiva fúnebre a partir das 19,30 horas na Rúa do Paseo e Praza Maior do Carballiño.