Os ‘Felos’ percorreron a parroquia de Feás cos seus vistosos disfraces no Entroido de Boborás

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O tradicional disfraz do ‘Felo de Feás’, que foi recuperado ao inicio dos anos 90 por iniciativa da Concellería de Cultura do Concello de Boborás, voltou a protagonizar un dos actos destacados do Entroido deste municipio. Na tarde de onte domingo, un grupo de veciñas e veciños disfrazados de ‘felos’ concentráronse no campo da festa da localidade de Feás, para iniciar un percorrido que os levou por diferentes núcleos urbanos de Boborás, como Vilachá, Cardelle e Vecoña, animando a veciñanza destes lugares a desfrutar do Entroido, para logo regresar ao punto de partida e degustar uns petiscos no local social da parroquia.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O ‘Felo de Feás’ é unha personaxe vistoso e con moitas cores, con sombreiros altos, con abanos e vestidos con colchas, que levan na cintura dous cencerros e outro nun pau co que se acompaña, bailando e facendo sonar o mesmo. A antigüidade destas máscaras de Entroido remóntase a 200 anos atrás e alguns historiadores relacionan ao orixe deste tipo de disfraz en ritos folclóricos importados de terras americanas.

A tradición dos ‘felos’, recuperada polo entón concelleiro de Cultura de Boborás, Amancio Bruquet, hai xa 30 anos, mantívose ata os inicios do presente século, se ben non foi ata 2019 cando a súa sucesora no cargo, Patricia Torres, actual alcaldesa do municipio, foi quen de promover o rexurdimento deste ancestral disfraz propio e único da veciñanza da parroquia de San Antonio de Feás. A propia rexedora, ataviada co seu disfraz de ‘felo’, deunos alguns detalles do xeito de confeccionalo, con cartóns, cortinas e outros materias de reciclaxe téxtil.

Do mesmo xeito, nos últimos anos tamén se promocionou a recuperación doutra figura disfrazada vencellada a Boborás, como son os ‘Rodos de Pazos’, que utilizan os seus aperos de labregos para facer ruído durante a noite de cada luns de Entroido. Concretamente, na noite de hoxe, os ‘rodos’ sairán  no núcleo histórico de Pazos de Arenteiro dende o bar da Ponte ás 22,00 horas, para espertar a toda  veciña ou veciño e convidalo a unirse á comitiva, que rematará cun chocolate quente para os participantes.