Xunta de Galicia e Concello de Ribadavia avanzan en iniciativas para a dinamización comercial da vila

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse hoxe co alcalde de Ribadavia, César Fernández, para abordar distintas iniciativas en marcha enfocadas á dinamización comercial da vila e a impulsar as compras de proximidade. Na xuntanza púxose de relevo a importancia e necesidade de continuar con medidas como as que desenvolve este municipio en colaboración co Goberno galego e relacionadas coa mellora das infraestruturas comerciais e coa dixitalización do comercio tradicional.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O obxectivo é potenciar o comercio como un motor de dinamización socioeconómica e turística e fusionar a tradición e a innovación atendendo ás novas tendencias do mercado. Neste sentido, tamén se destacou o labor levado a cabo por este concello para o aproveitamento e posta en valor do seu potencial turístico e enogastronómico salientándoos como atractivos para a dinamización comercial. Entre este potencial destaca que a vila conta cun casco histórico medieval único e, como capital do Ribeiro, cunha destacada tradición vitivinícola e oferta termal.

Ademais, estudarase a creación dun calendario coordinado de eventos comerciais no casco histórico, como feiras e mercados artesanais e xornadas de promoción de produto local, entre outros. A finalidade é fomentar a atracción de visitantes, potenciar o atractivo do concello durante todo o ano e, ao mesmo tempo, fortalecer o comercio local.

Trátase de actuacións que concordan coa esencia do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que se prevé ter finalizado neste primeiro trimestre. Neste eido, o Goberno galego está a realizar un importante esforzo a prol do pulo ao comercio de proximidade e demandou ao Executivo central maior colaboración para potenciar este eido. Neste sentido, a Xunta solicitou ao Goberno estatal a asignación de fondos europeos que reservou e non está a executar.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------