O Entroido 2025 vai chegando ao seu fin e en Ribadavia decidiron pasar o martes en comunidade, celebrando un Xantar Popular e unha tarde chea de actividades para nenos e maiores. Uns 200 veciños e veciñas achegáronse ata a Alameda para comer xuntos nestas datas e pasar despois unha boa tarde de Entroido.
Un menú composto por empanadas artesanais de carne e atún; un cocido tradicional destas datas con carne de tenreira, cacheira, lacón, touciño, orella, patacas, repolo e garavanzos; postre de bica e melindres, e todo elo acompañado por viño do Ribeiro, auga, cervexa e refrescos, para rematar con café e chupito.
Os máis pequenos tiveron a actuación do Pallaso Popín, mentres que os maiores alongaron a tarde coa música da charanga Louband. Unha tarde de desfrute veciñal na Alameda para ir pechando o Entroido. A actividade definitiva para pechar estes festexos, o Enterro da Sardiña, terá lugar esta noite.