O Club Clásicos Arenteiro organiza un ano máis unha nova edición do “Rali do Lacón Históricos”, unha cita que reunirá no Carballiño o vindeiro sábado, 8 de marzo, aos propietarios de vehículos de toda Galicia cunha antigüidade de 25 ou máis anos para desfrutar dunha xornada deportiva e de confraternidade. A presentación do evento tivo lugar hoxe na Casa do Concello coa presenza do alcalde, Francisco Fumega; do concelleiro de Deportes, José Castro-Gil, e de representantes da escudería organizadora deste “XV Rali do Lacón Históricos”.
Castro-Gil destacou o feito de que esta proba automobilística se celebre na véspera da ‘Festa da Cachucha’, “o que seguramente atraerá a moitos visitantes para xantar nos restaurantes da vila”. O edil de Deportes tamén fixo referencia a que “este evento percorrerá un total de sete concellos das comarcas do Carballiño e do Ribeiro por estradas autonómicas que non fará falta pechar, xa que os vehículos circularán á velocidade moderada”.
Por parte da organización, o vicepresidente de Clásicos Arenteiro, José Manuel Mosquera, apuntou que “xa son 57 os vehículos inscritos neste rali e cremos que finalmente serán 60 porque hai pilotos que aínda están pendentes de anotarse”. Engadíu que “é unha proba de regularidade na que os participantes non poden sobrepasar os 50 km/h e deben atender a tódalas indicacións e sinais de tráfico e circulación vial”.
O parque pechado instalarase na praza da Veracruz entre as 11,00 e as 12,00 horas do vindeiro sábado, ata a saída do primeiro vehículo, prevista para as 15,00 horas. Unha vez rematado o rali, participantes, organizadores e autoridades reuniranse nunha cea de confraternidade no Restaurante Fuchela, onde serán entregados os trofeos aos mellores clasificados.