A viticultura na zona do Val do Limia conta cunha tradición que se remonta á Baixa Idade Media, segundo recollen os estudos de Huetz de Lemps. Aínda hoxe se conserva a actividade vitivinícola da zona, e recentemente, en xaneiro deste ano, un grupo de viticultores e viticultoras decidiu fundar a Asociación de Viticultura do Val do Limia. O seu obxectivo a curto prazo é recuperar os antigos viñedos e impulsar novas iniciativas arredor do viño, empregando as castes autóctonas da zona. A longo prazo, a asociación traballará para conseguir o recoñecemento da zona como Indicación Xeográfica Protexida (IXP).
Co obxectivo de apoiar esta iniciativa, a Asociación Galega de Viticultura (AGV) celebrará un acto de benvida á nova entidade, contribuíndo a potenciar a viticultura na zona. O evento terá lugar o vindeiro 22 de marzo, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Entrimo.
A xornada comezará cunha conferencia impartida por dous expertos en viticultura galega, Francismo Rego e Xosé Manuel González Vilas, que abordarán a tradición vitivinícola do Val do Limia. A continuación, Roberto Rivas e José Crusat conducirán unha cata con viños das diferentes IXP galegas, ofrecendo ás persoas asistentes a oportunidade de coñecer e degustar a riqueza vitivinícola de Galiza.
Con esta iniciativa, a Asociación Galega de Viticultura reafirma o seu compromiso co desenvolvemento e a posta en valor da viticultura en Galiza, especialmente en zonas con gran potencial, como o Val do Limia.