A Deputación impulsa un Plan de Actuación Integral para Valdeorras co fin de apoiar o desenvolvemento comarcal desde os ámbitos económico, social, turístico e ambiental

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente provincial, Luis Menor, presentou na sede da Deputación na Casa Grande de Viloira as liñas estratéxicas do proxecto, que contempla un investimento de 10 millóns de euros, dos que aspira a conseguir 6 millóns a través dos fondos europeos FEDER

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Luis Menor anunciou o compromiso da Deputación de Ourense para achegar dous millóns de euros e axudar así aos concellos a financiar a súa parte, ademais de dialogar con outras administracións para que o desembolso dos municipios sexa aínda menor.

O plan divídese en tres grandes liñas de traballo: “Coopera Valdeorras”, apostando pola cooperación supramunicipal; “Valdeorras cohesionado”, que busca mellorar a calidade de vida da cidadanía; e “Valdeorras Sostible”, céntrase na transición ecolóxica e a adaptación ao cambio climático

Ourense, 6 de marzo de 2025.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presentou hoxe na sede da institución ourensá en Valdeorras (na Casa Grande de Viloira) o Plan de Actuación Integrado (PAI) “Valdeorras polos camiños do Sil”, iniciativa que ten por obxectivo o desenvolvemento da comarca en diferentes ámbitos de actividade. O investimento previsto no oriente ourensán, con actuacións a desenvolver ata o 2029,  alcanza os 10 millóns de euros, dos que o goberno provincial aspira a captar seis millóns procedentes dos fondos europeos FEDER, mentres que os catro millóns restantes corresponden aos concellos.

Neste sentido, Luis Menor anunciou o compromiso da Deputación de Ourense para achegar dous millóns de euros e axudar así aos concellos a financiar a súa parte, ademais de dialogar con outras administracións para que o desembolso dos municipios sexa aínda menor.

“Este é un proxecto de todos e para todos, e desde a Deputación faremos todo o necesario para que Valdeorras reciba a atención e os recursos que merece para a dinamización económica, turística, cultural, enerxética, medio ambiental e de inclusión social”, destacou o presidente provincial.

Ademais, Luis Menor sinalou que o PAI se concibe como “unha estratexia de desenvolvemento a longo prazo, con accións concretas para transformar Valdeorras”, agradecendo a “implicación” dos nove concellos da comarca de Valdeorras que forman parte do proxecto.

O presidente provincial lembrou que a Deputación de Ourense tamén acordou presentar unha segunda candidatura como Plan de Actuación Integrado (PAI) aos fondos FEDER. Neste caso, trátase dun PAI para a zona de Ourense sur, que englobaría aos municipios de Barbadás, San Cibrao das Viñas, Ourense e O Pereiro de Aguiar. Luis Menor tamén destacou o compromiso provincial doutros dous millóns de euros para esta segunda candidatura, minimizando igualmente o desembolso que terían que facer os concellos beneficiarios.

Como organismo xestor de ámbolos dous proxectos, o papel da Deputación será comprometerse a garantir unha execución eficiente dos fondos europeos e a facilitar asistencia técnica aos concellos para a realización das actuacións previstas.

“Estes dous PAI son de xustiza para Ourense, aspiramos a conseguir os dous proxectos”, apuntou Menor.

Proxecto integrador e axuda na xestión

Na presentación do proxecto tamén interviñeron a deputada delegada especial para a comarca e alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González, quen puxo en valor o PAI como proxecto “unificador e integrador”, mentres que o alcalde de O Barco, Alfredo García, agradeceu o “compromiso” da Deputación cun proxecto que, dada súa elevada contía, é “difícil de xestionar” para os concellos.

Turismo sostible, vivenda púbica e rehabilitación de zonas naturais

O PAI de Valdeorras divide en tres grandes liñas de traballo as actuacións previstas.

Por unha banda, “Coopera Valdeorras” concíbese como unha aposta pola cooperación supramunicipal. Abórdanse accións concretas de turismo sostible, recuperación de camiños históricos e creación dunha imaxe de marca comarcal.

A segunda estratexia, “Valdeorras cohesionado”, busca mellorar a calidade de vida da cidadanía. Así, habilitaranse novas vivendas públicas para facilitar o asentamento de poboación, crearanse espazos públicos accesibles e dinámicos, con especial atención ás necesidades das persoas maiores e impulsaranse axudas para a dixitalización e modernización do comercio local.

O último eixo, “Valdeorras Sostible”, céntrase na transición ecolóxica e a adaptación ao cambio climático. Rehabilitaranse espazos naturais relevantes, como as marxes do río Sil; implantarase un plan de mobilidade sostible, con redes de bicicletas eléctricas e melloras no transporte público e reforzaranse as medidas de prevención de incendios.

Reto demográfico, cooperación, conectividade e sustentabilidade

Os técnicos encargados de elaborar o PAI de Valdeorras explicaron os desafíos desta iniciativa, así como os resultados esperados e as accións concretas que se pretenden levar a cabo.

O PAI aborda cinco cuestións fundamentais para mellorar a comarca de Valdeorras: promover medidas para fixar poboación e garantir servizos públicos de calidade; o reforzo da cooperación supramunicipal, para o que a colaboración dos concellos implicados resulta clave; a mellora da mobilidade e da conectividade; a diversificación económica, explorando novas vías no comercio local, na economía circular ou na dixitalización; e a sustentabilidade e adaptación ao cambio climático.