Os 20 estudantes alemans que participan no intercambio educativo e cultural con outros tantos do IES Nº1 do Carballiño chegaron onte á vila do Arenteiro e hoxe foron recibidos na Casa do Concello polo alcalde, Francisco Fumega, e a concelleira de Educación, Lorena Castro, nun acto institucional de benvida no que lles foron entregados uns agasallos de lembranza da súa estadía en terras galegas. Fumega valorou a importancia deste tipo de actividades para o fomento do coñecemento persoal doutras culturas e costumes, co obxectivo de “crear cara o futuro unha identidade europea máis solidaria, máis alegre e tamén máis verde”.
O alumnado do Centro de Educación Secundaria Trias Schulen, ubicado na vila de Elsterberg, en Alemaña, realizou a continuación unha visita por diferentes lugares de interés do Carballiño, coma a Praza Maior, o templo da Veracruz ou o Asilo de Ancians, guiados polo historiador Xosé Luis Sobrado, do Centro de Estudios Chamoso Lamas. A estancia dos 20 estudantes alemans prolongarase ata o vindeiro mércores, 13 de marzo, unha semana na que terán a oportunidade de mergullarse nos aspectos culturais e medioambientais da comunidade galega.
O Instituto de Educación Secundaria Número Un do Carballiño (IES Nº 1) e o Centro de Educación Secundaria Trias Schulen da vila de Elsterberg, en Alemaña, protagonizan este intercambio, no que participan un total de 40 estudantes co acompañamento de profesorado. O Trias Schulen Elsterberg, é un centro de ensino integrado na rede da Saxony International School, que agrupa centros de Primaria, Secundaria e Formación Profesional do estado alemán de Saxonia, todos eles colexios internacionais e de educación plurilingüe con profesorado internacional.
O alumnado do Trias Schulen estudia castelán como segunda lingua extranxeira despois do inglés, según comentaba María Caíña, natural do Carballiño e profesora de Español neste centro de ensino alemán, e que foi estudante do IES Nº1. Ademais de aprender a manexarse no castelán e no alemán, o obxectivo deste intercambio é que o alumnado procedente de Elsterberg coñeza e poida mergullarse nos aspectos culturais e ambientais da comarca do Carballiño e de Galicia en xeral, tendo en conta que as dúas vilas están enclavadas nunha contorna rural.
Finalmente, a expedición carballiñesa do IES Nº1, integrada por 20 alumnas e alumnos co acompañamento do seu profesorado, devolverá a visita entre os días 12 ao 20 do vindeiro mes de xuño. Aínda que o alemán non figura nos contidos do IES Nº1, sí está a lingua inglesa, que pemite unha comunicación verbal máis fluída entre o alumnado dos dous centros, ademais de que poidan interesarse na aprendizaxe dos seus respectivos idiomas.